24 octubre 2008

Domínguez salienta que os orzamentos municipais de Vigo do 2009 priorizan o gasto social e o Casco Vello

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, fixo este venres unha valoración xeral dos orzamentos municipais correspondentes ao exercicio 2009 e subliñou que, respecto ás áreas xestionadas polo BNG, hai especial atención ao gasto social e o Casco Vello. “Os orzamentos cumpren o pacto de goberno e as liñas de actuación marcadas para esta lexislatura”, salientou o nacionalista, quen destacou tamén que é a segunda vez que se aproban os orzamentos “en tempo e forma”.
Santi Domínguez fixo fincapé en que os orzamentos cumpren cunha das indicacións que o BNG ten feito “dende que entramos no goberno”, respecto a que o “máis importante non é o reparto en función das concellerías, senón do cumprimento das liñas de goberno plasmadas no pacto”. Neste sentido asegurou que os orzamentos correspondentes ao 2009 así o cumpren e salientou que resulta “moi importante para a cidadanía” o feito de que os orzamentos se aproben a tempo, porque deste xeito, a principios de xaneiro poderá estar en marcha, por exemplo, a asistencia á cidadanía e evitar os retrasos na convocatoria das subvencións. “Satisfácenos dicir que será a segunda vez que se os orzamentos se aproben en tempo e forma”, asegurou.
“O BNG sempre tivo unha visión moi clara das negociacións dos orzamentos, coa idea de que debían ser aprobados canto antes”, explicou o tenente de alcalde. Destacou que o BNG ten “gran parte de culpa” de que nestes dous anos de lexislatura non haxa discordias nas negociacións levadas a cabo ao respecto. Por outra banda, Santi Domínguez sinalou que a pesar do tempo de crise que caracteriza a actualidade, “que fai necesario elaborar uns orzamentos con sentidiño”, salientou que manteñen o nivel de crecemento en canto á atención á cidadanía.
Incremento da capacidade de Benestar Social
O tenente de alcalde sinalou que no BNG “tiñamos claro” que nun tempo de crise como o actual, a Concellería de Benestar Social “debía incrementar a súa capacidade de resposta”. Ao respecto, destacou que o un dos incrementos “máis amplos” de todas as partidas do BNG en canto a subvencións prodúcese precisamente en Benestar Social, de xeito que aumenta un 20,6 por cento a cantidade destinada ás subvencións. Esta partida pasa de 946.000.000 euros a máis de 1.100.000 euros.
“Outro núcleo importante de actuación é a achega ao Casco Vello”, subliñou o tenente de alcalde, quen explicou que case o 50 por cento da capacidade do investimento das áreas do BNG no Concello de Vigo será destinada ao barrio histórico da cidade, con máis de 3 millóns de euros, nos que haberá partidas destinadas ao mantemento e a reposición, así como a subvención a particulares. “Será o investimento máis alto que o Concello de Vigo fará directamente ao Casco Vello”, destacou. A este investimento unirase á achega da Consellería de Vivenda ao Consorcio do Casco Vello, que terá arredor de 7 millóns de euros de orzamento, de xeito que no 2009 no Casco Vello investiranse máis de 10 millóns de euros.
Santi Domínguez fixo referenza tamén a dúas partidas específicas. Por unha banda referiuse aos actos de celebración do Bicentenario da cidade, que contarán cun orzamento de 400.000 euros por parte da Tenencia de Alcaldía; e por outra sinalou que 550.000 euros se destinarán á preparación da candidatura á Universiada 2015, “a metade que a cantidade destinada o ano pasado”, matizou. En canto a Turismo e Comercio, indicou que se seguirá apostando polos orzamentos participativos para levar a cabo as accións de apoio ao pequeno e mediano comercio, mentres que destacou que a participación estenderase ao orzamento de promoción turística, de xeito que se contará coas asociacións de hosteleiros.
Respecto á Concellería de Cultura, salientou que o aspecto máis importante refírese á segunda fase da remodelación do Auditorio Municipal, co obxectivo de que no 2009 “estea rematada a súa reforma integral”. Nesta área tamén destacou que se levarán a cabo obras de mellora na Casa Galega da Cultura, posto que ao seu xuízo “nos últimos anos non foi atendida como se debía”. En canto á Concellería de Deportes, asegurou que a partida destinada ás subvencións dos clubes experimentará un incremento do 9,56 por cento e salientou que os orzamentos contemplan a construción dun novo complexo deportivo na parroquia de Candeán.
Na súa intervención, o nacionalista explicou así mesmo que o orzamento destinado ás subvencións da Concellería de Xuventude incrementarase un 300 por cento. Neste sentido, Santi Domínguez explicou que no primeiro ano de goberno partiuse dunha “cantidade ridícula”, 6.000 euros, que foi dobrada a 12.000 euros, polo que para o ano 2009 será de 36.000 euros. Respecto á Concellería de Igualdade sinalou que a capacidade de conceder subvencións “aumenta moi considerablemente”, ao pasar de 170.000 euros a 220.000 euros. Finalmente, o tenente de alcalde sinalou que a final do 2009 terá lugar a creación do Vigo Convention Bureau, “que esperamos aprobar no pleno de novembro”, adiantou.