19 noviembre 2008

DAVILA PEDE A CHACÓN A RETIRADA DAS TROPAS DE AFGANISTÁN

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse á Ministra de Defensa quen comparecía na Cámara Baixa, para pedirlle a retirada escalonada das tropas españolas destinadas en Afganistán.
“É hora de recoñecer o fracaso desa misión da OTAN e propiciar outro cenario alonxado da intromisión militar. Iso é o que o BNG lle pide, o retorno das tropas e un papel activo para impulsar un foro de debate sobre a situación de Afganistán que como país soberano debe decidir libremente o seu futuro”, manifestou a deputada do BNG na súa intervención perante a Comisión de Defensa.
Retirar as tropas e propiciar un debate de fondo sobre Afganistán
Para o BNG, subliñou Davila, “é o momento de xirar”. Considerou que se está ante unha oportunidade de ouro para impulsar un debate de fondo sobre o pais afgano, “partindo, iso sí, da retirada dos continxentes militares estranxeiros e contanto con todos os actores da escena”. Remarcou que a situación hoxe é insostíbel, tremendamente arriscada e perigosa, e infructuosa para a poboación civil.
Aludiu ás afirmacións do Ministro de Asuntos Exteriores na 54 asamblea da OTAN, celebrada esta pasada fin de semana, quen dixo que non se ían aumentar as tropas en Afganistán. “Cremos que non é suficiente porque é a hora de se replantexar a continuidade e estudar unha retirada das tropas”.
O BNG sempre se opuxo á ocupación militar tutelada pola OTAN
A parlamentar nacionalista que comezou a súa intervención cunha lembranza ás familias dos dous soldados que morreron hai oito días nun atentado no país asiático, recalcou que o BNG “sempre se opuxo ao envío de tropas españolas a Afganistán, e sempre votou en contra desas misións”.
Deixou claro que para “nós a OTAN non é a organización axeitada para encamiñar a paz nun país tan vapuleado. É un organismo agresivo que resposta a determinados espazos socioeconómicos, culturais e ideolóxicos, en contreto de EE.UU. A OTAN é un pilar vital da política externa norteamericana, e polo tanto, a ISAF, liderada pola OTAN podería decirse que é outro brazo de EE.UU”.
Cualificou estas operacións como “claras intromisións por razóns xeoestratéxicas, por intereses e non por cuestións humanitarias”. Puxo enriba da mesa os continuos bombardeos de EE.UU sobre poboacións afganas, con centos de víctimas civís. Neste sentido, advertiu á Ministra de Defensa, que o “descontento, o malestar e o odio contra as forzas de ocupación medra, e non se fan distincións entre a unidade norteamericana dependente da Operación Libertad Duradera e a misión da ISAF”.
Nesa liña, definiu a misión como “a ocupación dun territorio”, onde continúa a destrucción, a política colonial, a miseria máis absoluta e a corrupción galopante, “todo menos a reconstrucción do país”.
Para Davila, o que “se libra en Afganistán é unha guerra de intereses estratéxicos e económicos porque forma parte dunha estratexia de dominio sobre Oriente Medio e o control dos seus recursos, oleoductos especialmente”.
A Ministra defende a permanencia das tropas
A Ministra de Defensa defendeu a permanencia das tropas españolas en solo afgano porque a marcha, segundo os seus argumentos, “suporía a volta dos talibáns ao poder, a desestabilización, a violación dos dereitos humanos e dos dereitos das mulleres”. Engadiu que “aumentaría o crime organizado e o terrorismo organizado de Al Qaida”. Afirmou taxantemente que “o último que debería facer un político responsábel é abandoar”. Iso si, admitiu a necesidade de revisar a estratexia e correxir os erros.