15 noviembre 2008

EL CONSELLEIRO MANUEL VÁZQUEZ DESTACA A EFICACIA DO PLAN DE CONTROL DE VERTIDOS

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, destacou a eficacia do Plan de Control de Vertidos de Galicia e fixo un balance “moi positivo” do mesmo, xa que dende a súa posta en marcha conseguiuse regular e diminuír en case un 50% os máis de 3.000 puntos de vertido detectados na demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
O conselleiro fixo balance do primeiro ano de funcionamento deste plan, que se iniciou tras detectar, nun inventario administrativo realizado en 2006, un total de 4.950 puntos de vertido en Galicia, dos cales 2.641 se producían na Demarcación Galicia-Costa.
Partindo de aquel inventario administrativo, Manuel Vázquez salientou que, dende a posta en marcha do Plan de Control de Vertidos (PCV), hai algo máis de un ano, constatouse, froito de un amplo traballo de campo, a existencia de 3.309 puntos de vertido na demarcación Galicia Costa. E tamén que a día de hoxe, un total de 1.543 dos vertidos detectados están xa resoltos (regulados ou eliminados), o que supón unha diminución do 47%, case a metade do total.
O PCV contribuíu a esta redución dos vertidos mediante unha liña de traballo centrada na diagnose da situación (cun inventariado dos vertidos), as inspeccións (realizadas por un equipo de 24 inspectores, 150 vixiantes e 32 gardas fluviais), e control da calidade (mediante un sistema de mostraxes nas estacións de control para garantir un coñecemento exhaustivo da calidade das augas).
No marco desta liña de traballo, o equipo do PCV realizou dende a súa posta en marcha un total de 5.228 inspeccións, cunha media mensual de 436. Entre estas, máis de 1.400 corresponden a inspeccións a industrias e depuradoras e preto de 3.700 foron realizadas polo persoal de campo, que chegou a tomar 1.267 mostras de auga, cunha media de máis de 100 mostras por mes, segundo informou o conselleiro de Medio Ambiente.

Vertidos por zonas e concellos
Vázquez sinalou que os datos obtidos tras as inspeccións e as mostraxes permiten á consellería dispoñer dun inventario “exhaustivo” dos puntos de vertido, cunha actualización permanente “e sobre todo, actuar para a súa resolución”.
No que respecta á orixe dos vertidos, os datos obtidos polo equipo do PCV constatan que o 70% destes proceden dos concellos, fronte ao 12% procedente de instalacións industriais e ao 15% provocados por particulares, mentres que un 4% están sen identificar.
O PCV tamén permitiu determinar que a ubicación dos vertidos é homoxénea, de xeito que na zona norte da cunca Galicia Costa (formada polos concellos do centro e norte das provincias de Lugo e A Coruña) concéntrase o 31% dos puntos de vertido; mentres que a zona centro (centro-sur da provincia de A Coruña) conta co 34% e a zona sur (formada polos concellos de Pontevedra) concentra o 35% dos vertidos.
O conselleiro explicou que, se ben non hai grandes diferencias dende o punto de vista da zona, si existen no que respecta á sobrecarga de puntos de vertido en determinados concellos. Así, na zona norte, os concellos con maior número de vertidos detectados son Viveiro, Narón, Sada, Oleiros, A Coruña, Betanzos e Culleredo. Na zona centro, os máis afectados son Teo (que está no grupo de concellos que superan o centenar de puntos de vertido debido a proliferación de minidepuradoras), Muros, Camariñas, Boiro, Porto do Son, Padrón e Noia. Na zona sur, os concellos de Baiona, Vigo, Poio, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Caldas superan todos eles o centenar de puntos de vertido. Mención especial merece o concello de Ribeira, que pese a non aparecer entre os que teñen un maior número de vertidos, é o que máis carga contaminante aporta a ría de Arousa polo volume de augas residuais que envía a dita ría sen ningún tipo de tratamento previo.
Os concellos da zona sur concentran ademais o 53% das verteduras que se producen ao mar, mentres que o 47% restante van a cauces fluviais. Na zona norte, máis da metade dos vertidos van aos ríos e un 46% ao mar, mentres que na zona centro, a porcentaxe de vertidos aos ríos representa o 60% e o 40% restante ao mar.
Plan de Saneamento
Manuel Vázquez destacou que co PCV “os ríos e rías de Galicia están máis vixiados e controlados que nunca”, xa que o chequeo permanente das augas permite detectar e subsanar con maior rapidez as verteduras. A pesar dos bos resultados, o conselleiro incidiu na existencia dos puntos de vertido que quedan por solventar (ben eliminar ou regular). A este respecto sinalou a importancia de mellorar as infraestruturas de depuración das augas nos concellos, un obxectivo no que está a traballar o Goberno galego, co investimento de 825 millóns de euros na construcción, ampliación e mellora de 76 depuradoras, no marco do Plan de Saneamento de Galicia 2005-2009.
A posta en marcha do Plan de Control de Vertidos supuxo tamén un cambio substancial no relativo ao seguimento que dende Augas de Galicia se fai dos vertidos e dos seus responsables. Así, si ben no ano 2000 Augas de Galicia incoou tan só catro expedientes sancionadores por vertidos, no ano 2008 se incoaaron 251, máis que entre o 2000 e o 2004, ambos incluídos. Entre os anos 2007 e 2008, tempo de vixencia do Plan de Control de Vertidos, os expedientes por vertidos eleváronse a 480, que derivaron en sancións por importe de máis de 2,4 millóns de euros.
Programa Ribeirazul
Por outra parte, o conselleiro de Medio Ambiente anunciou a recente posta en marcha do programa Ribeirazul, enmarcado no Plan de Control de Vertidos, que ten como principal obxectivo identificar, localizar e inspeccionar os emisarios submariños de vertidos de augas residuais.
Este programa, pioneiro na Unión Europea, permitirá coñecer como afectan os vertidos aos distintos usos do medio, á vez que ordenar e planificar un uso do litoral sostible. Na súa primeira fase, o programa está a realizar o estudo dos usos da auga, das zonas sensibles á recepción de augas residuais e das autorizacións de vertido, co fin de avaliar os riscos e priorizar as actuacións. Par elo estase a realizar un traballo de campo que inclúe a avaliación dos emisarios submariños, a modelización das augas e evolución dos vertidos no medio, e análise das augas superficiais e os sedimentos.