16 noviembre 2008

A gardería municipal de Mos leva funcionando catro anos sen permiso para unha das súas aulas

MOS (MORRAZO-tribuna).- A edil do Partido Popular mosense, Ana Rodríguez Cabaleiro, denuncia que a terceira aula da gardería municipal continúe coa súa actividade, dende 2004, sen a autorización de funcionamento correspondente. Ana Rodríguez lembrou que en 2004 se inaugurou a terceira aula da gardería, destinada a nenos de entre 0 e 1 ano; ata entón había dúas, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. E dende entón, a nova clase funcionou sen o preceptivo permiso, segundo informou a concelleira do PP.
Ademais Rodríguez Cabaleiro declarou que “en Decembro de 2007 a Xunta, por medio da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros, requeriulle ó Concello de Mos o permiso de funcionamento da susodita aula, ademais de que subsanaran unha serie de defectos nela; en Xaneiro de 2008 volveulle a pedir a mencionada autorización que lle foi solicitada de novo en Marzo de 2008, data na que dende ó Concello enviaron unha solicitude fóra de prazo do citado permiso, pero sen adxuntar proxecto nin memoria”. O pasado 24 de Outubre, segundo informou Rodríguez, a Inspección volveulle a requerir ó Concello mosense a preceptiva autorización de funcionamento para a terceira aula da gardería municipal, para o que teñen que presentar o proxecto e a memoria que aínda non entregaron.
A concelleira popular recorda que “en 2004 Xosé Manuel Martínez Ojea saiu na prensa inaugurando esta aula e a día de hoxe, catro anos despois, aínda non está dada de alta porque carece de permiso”.
Galescola
O vindeiro 31 de Decembro remata a concesión da actual gardería municipal e o 1 de Xaneiro esta pasa a converterse en galescola. Ante esta situación Ana Rodríguez preguntoulle á concelleira de Servizos Sociais, Isabel Lago, durate o pasado pleno ordinario da Corporación Municipal, se non se ían acometer obras para adaptar a gardería a galescola; Lago respostoulle que non. Ante esta actitude Rodríguez Cabaleiro asegura que “dende o PP de Mos non entendemos como unha gardería á que lle falta a autorización para que poida funcionar unha das súas aulas pode pasar a ser galescola sen ter que facer ningún cambio nela”.