14 noviembre 2008

O BNG PEDE AO GOBERNO QUE IMPULSE NA UNIÓN EUROPEA UNHA ESTRATEXIA COMÚN PARA LOITAR CONTRA OS DELICTOS A TRAVÉS DE INTERNET

MADRID (MORRAZO-tribuna).- O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno que impulse no seo da Unión Europea “a adopción dunha lexislación común sobre delitos informáticos que permita acabar cos paraísos dende os que operan os ciberdelincuentes”.
Pérez Bouza lembra que o comercio electrónico “experimentou un medre exponencial nos últimos anos”, acadando o pasado ano unha facturación no Estado español de 4.700 millóns, cun incremento do 71,5% con respecto ao ano 2006.
Porén, o senador nacionalista advirte de que “esta expansión das operacións bancarias a través de Internet viuse acompañada tamén dun incremento dos delitos informáticos”.
“Impotencia da policía española para loitar contra este tipo de delincuencia”
Neste sentido, Pérez Bouza salienta que un recente informe de Delincuencia Económica da Dirección Xeral da Policía avisa da eclosión dos timos bancarios online. O informe recoñece tamén a impotencia policial para deter aos autores intelectuais debido aos sofisticados métodos que empregan e pola dificultade de perseguilos, xa que actúan dende países do Leste, Asia ou Sudamérica cun baixo nivel de cooperación policial e xudicial que fai que os delincuentes saian impunes e as denuncias rematen arquivadas, sen que as persoas estafadas poidan recuperar o seu diñeiro.
Ante esta situación, o senador do BNG considera que “é da máxima urxencia acompañar a existencia dunha rede de transaccións a escala planetaria, como é Internet, dunha lexislación aceptada por todos os estados na que se tipifiquen os delitos informáticos, e se estableza a súa persecución e sanción”.