17 noviembre 2008

O BNG SOLICITA QUE O GOBERNO ADOPTE MEDIDAS DE COMPENSACIÓN E SANITARIAS PARA O PERSOAL DA ARMADA QUE ESTIVO EN CONTACTO CO AMIANTO

MADRID (MORRAZO-tribuna).- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa na Cámara Baixa pola que lle demanda ao Goberno que adopte medidas de compensación e de carácter sanitario para o persoal da Armada que estivo en contacto co amianto.
Francisco Jorquera lembra que en marzo de 2006 o Pleno do Congreso aprobou unha moción do BNG cunha seria de medidas destinadas ao recoñecemento laboral, económico e socio-sanitario dos afectados por asbestose, que o Goberno foi adoptando como a transposición da normativa europea de 2003 relativa á exposición ao amianto, ou a publicación dun Decreto en novembro de 2006 polo que se aprobou o cadro de doenzas profesionais, no que se incluía a asbestose.
Un colectivo esquecido polo Goberno
Porén, o deputado do BNG critica que longo camiño polo recoñecemento desta enfermidade profesional, “o Goberno teña ignorado a situación dos traballadores da Armada que estiveron en contacto co amianto”, até o extremo de que estas persoas “non pasan os recoñecementos médicos que obriga a normativa”.
Jorquera subliña que “este colectivo tamén estivo en contacto con esta perigosa substancia nas súas actividades a bordo dos buques da Armada, especialmente os traballadores mecánicos que navegaban a bordo e permanecían nas cámaras das máquinas e caldeiras”.
“É o segmento laboral máis afectado e que maior risco ten de contraer a doenza da asbestose”, advirte.
Ademais, lembra que “tamén o persoal civil de Defensa que realiza o seu labor profesional en dependencias da Armada estivo exposto ao amianto, xa que de feito manipularon importantes cantidades desta substancia tóxica para os buques da Armada”.
Iniciativa do BNG: recoñecemento socio-laboral e medidas sanitarias
Ante esta situación a proposición non de lei presentada polo deputado do BNG insta ao Goberno a “adoptar as medidas necesarias para que o persoal da Armada que desenvolveu a súa actividade en contacto co amianto, especialmente en buques, pase os recoñecementos médicos periódicos que obriga a normativa e estea sometido a vixianza médica”.
Asemade, ínstase ao Goberno a “estender o recoñecemento dos dereitos laborais, sanitarios e socioeconómicos para os afectados da asbestose ao persoal da Armada que teña estado en contacto co amianto e teña contraído esta doenza profisional”.