18 noviembre 2008

O GOBERNO GALEGO ESTÁ A ELABORAR UN PLAN CO OBXECTIVO DE “ALIVIAR” OS EFECTOS DA CRISE, ANUNCIOU TOURIÑO EN OURENSE

OURENSE / VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, anunciou hoxe que o Goberno que preside está a elaborar un plan, que xa se puxo “enriba da mesa no Foro do Automóbil” e que irá a un próximo Consello da Xunta, co obxectivo de “aliviar” os efectos da crise e “mitigar” o seu impacto sobre o emprego no sector do automóbil, “que é un sector estratéxico e un motor para toda a economía”. Segundo avanzou, este plan de actuación extraordinaria para o sector do automóbil desenvolverase a partir do mes de decembro.
“Espero que cando o venres me reúna co Clúster do Automóbil e co director xeral da factoría de Citröen poidamos facer xa unha avaliación positiva e implementar ese plan cara ao sector do automóbil”, asegurou o presidente.
Emilio Pérez Touriño lembrou a importancia estratéxica deste sector para a comunidade galega posto que mobiliza máis de 50.000 empregos directos e indirectos. Polo tanto, considerou fundamental pór en marcha medidas de actuación para evitar a caída da demanda.
Mitigar a contracción da demanda
“Dei instruccións aos conselleiros de Economía, de Innovación e de Traballo para que se puxeran a traballar para elaborar un plan de actuación extraordinario en relación co sector do automóbil”, engadiu o mandatario galego, lembrando que o Executivo que preside foi consciente desde un primeiro momento da actual situación e está a mobilizar actuacións para mitigar a contracción da demanda e axudar ao sector do automóbil no seu conxunto, na liña das medidas que a Unión Europea aprobará o vindeiro día 26.
Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén avanzou que as medidas de apoio ás pequenas e medianas empresas de Galicia asinadas coas entidades financeiras o pasado 4 de novembro están “plenamente operativas”, como o demostra o feito de que nos escasos días transcorridos desde a súa posta en marcha 140 empresas xa presentaran proxectos para acollerse a esta iniciativa.
Na mesma liña, lembrou que desde xaneiro ata hoxe o Goberno que preside ten mobilizado 572 millóns de euros en axudas, subvencións, créditos e avais a empresas. Así mesmo, remarcou a importancia de facer investimento público nesta época de dificultade e destacou o esforzo do Executivo galego en capitalización do país. Nesta liña, sinalou que os orzamentos de 2009 recollen máis de 3.200 millóns de euros para gastos de capitalización, dos cales máis de 600 millóns corresponden á CPTOPT con actuacións en infraestruturas do transporte.