14 noviembre 2008

O Movemento Veciñal de Vigo convida a toda a cidadanía a unha fin de semana de magostos

VIGO (MORRAZO-tribuna).- Ata 16 asociacións veciñais achegarán a tradicional festa dos magostos a diferentes barrios e parroquias da cidade. Actuacións de grupos tradicionais, teatro, castañas quentes e un punto de encontro para a veciñanza, algúns dos alicientes para achegarse á asociación veciñal máis próxima e vivir os tradicionais magostos.
Este venres 14 e sábado 15 de novembro movemento veciñal celebra a grande fin de semana de magostos. As asociacións veciñais da cidade organizarán 16 magostos repartidos por diferentes barrios e parroquias. Haberá festa do magosto en Freixeiro, O Val do Fragoso, Travesía de Vigo, Coia, O Freixo, Saiáns, San Roque, O Vilar, Beade, San Xoán Poulo, Sampaio, Candeán, Zamáns, Cabral, Castrelos, Parada – Maceiriña.
O vindeiro domingo 30 de novembro terá lugar o derradeiro magosto organizado pola A.V. “Dr. Fleming”. Con este magosto péchase a programación de MoveVigo Magosto´08, financiado por Tenencia de Alcaldía e Concellaría de Cultura do Concello de Vigo, para volver no vindeiro mes de decembro cun novo ciclo cultural e de actividades, esta vez centradas nas festas e tradicións do nadal e reis; todo para dinamizar os barrios e parroquias da cidade, convertilos en puntos de encontro e lograr a máxima difusión e participación na oferta cultural que o movemento veciñal pon a disposición de toda a cidadanía.
A programación deste MoveVigo Magosto´08 tamén pode consultarse na páxina web: www.movevigo.com.