18 noviembre 2008

O PP de Mos denuncia que "todo segue igual" no vial Peinador-Os Valos


MOS (MORRAZO-tribuna).- A voceira popular, Nidia Arévalo, asegura que o anteproxecto leva no Concello dende Xuño pero a alcaldesa non informou á Corporación Municipal
Os membros do Partido Popular de Mos abordan novamente o tema do vial Peinador-Os Valos ante o “pasotismo” do equipo de goberno local que non informou á Corporación Municipal da existencia dun anteproxecto sobre esta estrada.
A voceira e presidenta do PP mosense, Nidia Arévalo, informou de que “a Deputación de Pontevedra lle entregou ó Concello o pasado 25 de Xuño o anteproxecto que contempla a acometida de beirarrúas e a modificación de tramos perigosos ó seu paso pola parroquia de Guizán, pero a alcaldesa non informou ó resto dos membros da corporación desta entrega e dende entón non se soubo máis nada das melloras para este vial”.
"Neste tema volven quedar de manifesto o pasotismo e o interese por ocultar información demostrados pola alcaldesa", declarou Arévalo esta mañán. Tamén lles lembrou ós dirixentes municipais que deben ampliar a presencia policial nesta estrada para asegurarse de que os camións que transitan por ela cumpren a sinais verticais que prohíben a circulación de vehículos que superen un peso de 16 toneladas.
Tras comprobar o estado actual da estrada acompañada pola concelleira popular responsable da parroquia de Guizán, Julia Loureiro, e solicitar a limpeza de cunetas e o pintado do firme nalgunhas zonas da mesma por parte da Deputación provincial, Arévalo pregúntase “¿onde están os dirixentes municipais que terían que ser os que se interesasen polas necesidades deste vial?” e insistiu unha vez máis en que “dende fai meses Mos non ten alcaldesa”. Ademais, como mostra de que Escudero deixou no olvido o anteproxecto de mellora da estrada Peinador-Os Valos ó seu paso por Guizán, Loureiro, apuntou que “este anteproxecto non aparece reflectido no orzamento deste ano nin nas inversións previstas a tres anos”.
Para rematar a voceira do Grupo Popular insistiu en interrogar a María Jesús Escudero sobre o tráfico do futuro polígono industrial de Arrufana. A edil do PP esíxelle á rexedora local que informe de por onde se vai canalizar ou desviar o susodito tránsito rodado da zona.