15 noviembre 2008

O PROGRAMA XUNTOS POLO NADAL PERMITIRALLES AOS MAIORES QUE VIVAN SÓS DISFRUTAR DO NADAL EN COMPAÑÍA

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Vicepresidencia da Xunta abriu xa o prazo de inscrición no programa Xuntos polo Nadal, un programa de convivencia a través do cal 150 persoas maiores de toda Galiza poderán pasar as festas do Nadal en compañía. O encontro desenvolverase na Residencia de Tempo Libre de Carballiño entre os días 23 de decembro e 1 de xaneiro e está destinado ás persoas maiores que vivan sen compañía.
Os requisitos para participar neste programa son : ser maior de 60 anos e ser pensionista; residir en Galiza; non estar acollido en ningún centro residencial; ter un nivel de ingresos económicos baixos; ter que pasar en soidade as festas do Nadal; e non padecer enfermidades infecto-contaxiosas nin transtornos mentais que poidan alterar a convivencia.
Os beneficiarios pasarán 10 días de estadía completamente gratuíta na Residencia de Tempo Libre de Carballiño en habitación dobre e pensión completa. Ademais, os participantes no programa Xuntos polo Nadal disfrutarán de diversas actividades de animación sociocultural e de asistencia sanitaria, no caso de ser preciso. Para o desprazamento ata O Carballiño disporase dun servizo de transporte gratuíto que sairá desde os antigos Fogares de Maiores da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
Todas as persoas interesadas en participar en Xuntos polo Nadal poden presentar a solicitude ata o 21 de novembro nas delegacións provinciais da Vicepresidencia da Xunta e nos Centros Sociocomunitarios de Benestar e Residencias de Maiores dependentes da Vicepresidencia, así como nos centros de saúde e nos servizos sociais de atención primaria dos concellos de toda Galiza.