16 noviembre 2008

A REDE DE CENTROS QUÉROTE RECIBIU XA 5.000 CONSULTAS A TRAVÉS DA SÚA PÁXINA WEB

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- A Rede Galega de Centros Quérote de Asesoramento Afectivo-Sexual atendeu xa a través da súa páxina web www.querote.org un total de 5.000 consultas de mozos e mozas de Galiza. Esta cifra pon de manifesto o éxito acadado por este servizo, posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude fai xa 2 anos para cubrir as necesidades da xuventude galega en materia de información afectivo-sexual.
A meirande parte das consultas rexistradas a través da web foron realizadas por mulleres, un 69 por cento. Ademais, o grupo de mozos e mozas de entre 16 e 20 anos copan o maior número de consultas realizadas por este medio, un total do 46 por cento, seguido dos grupos de idade de 11 a 15 anos e de 21 a 25 anos, que representan o 19 por cento das consultas cada un. Isto pon de manifesto que, polo xeral, é o sector máis mozo da poboación o que escolle a consulta a través da web, mentres que as persoas de máis idade prefiren achegarse persoalmente aos centros da Rede Quérote para expoñer as súas dúbidas. Ademais, este sistema electrónico garante o acceso igualitario de todas as persoas á información afectivo-sexual, independentemente do lugar no que vivan.
No tocante á temática das consultas realizadas, cómpre salientar que é moi variada, aínda que priman as cuestións relacionadas coa sexualidade en xeral e, en concreto, coa anticoncepción.
Resposta en 48 horas
A Rede de Centros Quérote atende as consultas tanto de xeito presencial como a través da súa web, medio este último que se erixiu como o máis utilizado polas persoas que solicitan información. De feito, o 60 por cento das consultas recibidas no primeiro semestre deste ano foron a través da da web.
A confidencialidade, a rapidez na resposta, a profesionalidade e o acceso e gusto da xuventude polos medios tecnolóxicos converten á consulta electrónica como o medio máis valorado á hora de facer consultas arredor de sexualidade.
O sistema de consulta comeza cando unha persoa envía unha pregunta a través da web www.querote.org, a páxina xera unha clave que se remite automaticamente á persoa que realiza a consulta, unha clave coa que logo poderá consultar a súa resposta na propia web. Só os profesionais e a persoa que realizou a pregunta terán acceso ao contido da resposta que se emite, como moito, 48 horas despois de terse realizado a consulta.