17 noviembre 2008

Roberto Mera destaca que a actuación de Vivenda no Paseo Matutino suporá un novo urbanismo de calidade para Ponteareas

PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- O membro da Executiva Nacional do BNG e concelleiro en Ponteareas salientou que a actuación prevista no Paseo Matutino pola Consellaría de Vivenda dentro do Plan Sectorial suporá a posta en marcha ”dun novo urbanismo de calidade para Ponteareas”. O nacionalista destacou que “con esta actuación que implica un investimento de máis de 6 millóns de euros, case 200 familias poderán acceder a vivenda protexida na nosa vila, todos os veciños e veciñas de Ponteareas poderán disfrutar de 9.500 m2 de zonas verdes, lograremos terreos para novos equipamentos e servizos públicos e se xerará actividade económica e postos de traballo na construcción nun intre de crise”.
Segundo Mera, “a zona escollida no Paseo Matutino será o mellor exemplo do urbanismo que o BNG sempre defendeu para Ponteareas, un urbanismo de calidade e pensado para a xente. Onde antes se facían 800 vivendas masificadas e non se deixaba apenas espazos libres e zonas verdes, agora faranse 200 para que Ponteareas dispoña dun espazo de calidade para vivir cun amplísimo e céntrico parque público, espazos de aparcamento e futuros equipamentos sociais, culturais e deportivos que tanto precisamos”.
Mera recordou que case 500 ponteareáns apuntáronse ao rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta de Galiza e que “coa actuación do Paseo Matutino poderemos atender unha parte importante desa demanda, con vivendas de calidade e de prezo asequíbel ás que poden acceder as familias cuxos ingresos non superen os 3.300 euros mensuais”.
Mera lembrou que “a incapacidade do goberno do PP para aprobar o PXOM impedíu até hoxe que Ponteareas poda contar con nova vivenda protexida, con novas zonas verdes e con novos equipamentos sociais, culturais e deportivos”. O nacionalista conclue que, “o PP desde o Concello converteuse nun problema e un atranco para Ponteareas e para os veciños e veciñas. Afortunadamente, o BNG desde a Xunta e co plan sectorial de vivenda dá solucións aos problemas que outros crean coa súa incapacidade”.