15 noviembre 2008

SECTOR PESQUEIRO GALEGO AMEAZADO POLA PROPOSTA DA UE DE REDUCIR AS TACs DO GRAN SOL NO 2009

MARIN (MORRAZO-tribuna).- O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, quer saber que medidas se van adoptar en defensa do sector pesqueiro galego perante as propostas de redución dos topes autorizados de captura (TACs) para o ano 2009 formuladas pola Comisión Europea hai uns días.
Bieito Lobeira rexistrou unha iniciativa parlamentar preguntando á Consellaría de Pesca que avaliación realiza da dita proposta de TACs e cuotas, que posición defenderá perante a próxima reunión do Consello de Ministros da UE e que mecanismo elexirá para trasladala.
Asemade, quer saber as actuacións que ten previsto acometer para que os mariñeiros galegos pertencentes á frota do Gran Sol poidan acceder a axudas no ano 2009 como consecuencia da previsíbel paralización da frota.
Lobeira insiste na súa iniciativa en que as previsións da UE, pendentes de decisión definitiva na reunión do Consello de Ministros de Decembro, afectan negativamente á frota galega máis que a ningunha outra, “como é coñecido –di- mentres os buques galegos posúen unhas cotas ínfimas, ridículas, insuficientes en función das súas necesidades reais, outras frotas –caso da danesa- contan con cotas desproporcionadas que non son quen de pescar”.
Para o deputado nacionalista, o obxectivo da proposta europea insírese na tendencia histórica de eliminación progresiva dunha frota competitiva como a galega en beneficio de intereses alleos e supón un drama, pois boa parte da actividade portuaria de Celeiro, Burela, Marín, Ribeira, A Coruña ou Vigo dependen destas frotas, con 135 buques afectados en augas do Gran Sol, outros 100 de arrastre litoral, aos que acrescentar outros, palangreiros e de artes menores, que tamén capturan estas especies en augas galegas xestionadas dende Bruxelas, “é dicer, estamos a falar de aproximadamente 4.000 mariñeiros afectados de xeito directo”.
O parlamentar, como xa ten manifestado, considera que, ademais, a decisión da UE non se fundamenta en criterios de carácter científico ou biolóxico, pois rebaixa de xeito inexplicábel os TACs de especies que, como a pescada, son clave para a frota pesqueira galega; así, contra o criterio científico e a percepción empírica das capturas, a Comisión europea propón, no caladoiro do Gran Sol, a rebaixa do 5 por cento de TAC de pescada, do 8,3 por cento de rabada, do 15 por cento de rapante ou do 15 por cento de cigala e no litoral galego pretende diminuir o 25 por cento a captura de rabada, o 15 por cento de linguado e o 10 por cento de cigala.