Santi Domínguez afirma que o Plan de Usos do Porto “está no bo camiño para chegar a consensos”
O tenente de alcalde valorou positivamente que as alternativas que se propoñen priman o criterio mediambiental sobre o económico
O nacionalista salientou que calquera actuación de ampliación que se deseñe terá que manter “o máximo respecto á ría”
VIGO (MORRAZO-tribuna) .-O tenente de alcalde, Santi Domínguez, afirmou este mércores que as propostas do Plan de Usos do Porto “están no bo camiño para chegar a consensos”. O nacionalista realizou estas declaracións tras a xuntanza que mantivo hoxe co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Paz, que cualificou de “moi cordial”, e que tivo como obxectivo explicar polo miudo ao tenente de alcalde as liñas xerais do Plan de Usos e do Plan Estratéxico do Porto.
Santi Domínguez manifestou a súas boas impresións tras o encontro porque, por fin, se dispoña dun Plan de Usos, documento reclamando insistentemente polo BNG como paso previo a calquera actuación portuaria. A súa primeira conclusión é que o plan senta as bases para poder desenvolver os proxectos que precisa o Porto con absoluto respecto medioambiental. Neste senso precisou que “como ben ten dito o BNG, o Plan de Usos ten que permitir acometer as ampliacións necesarias para o Porto preservando o noso ben máis preciado, que é a nosa Ría” e tras o encontro co presidente portuario conclúe que é así. Santi Domínguez sinalou que outro aspecto fundamental do documento radica en que “cada unha das actuacións terá un estudo medioambiental como o BNG ten reclamado historicamente”. No que incidiu especialmente foi en que “todo ten que facerse co máximo respecto para a nosa Ría”.
O tenente de alcalde expresou a súa satisfacción polas alternativas que presentan os documentos de cara a acadar o consenso, posto que priman “o criterio medioambiental sobre o criterio económico” e contemplan alternativas para que as actuacións “permitan preservar a Ría”. Neste sentido subliñou que “por parte do BNG imos loitar sempre para que o primeiro criterio que se teña en conta sexa o medioambiental e non o económico”. A este respecto sinalou que “é moi distinto falar de recheos en caixóns ou de ampliacións en pilotaxes, e hai tamén diferenzas económicas entre unha opción e outra, pero para nós o criterio non debe ser o económico”.
En canto ao recheo de Bouzas, Santi Domínguez salientou que este é outro aspecto importante do Plan de Usos, posto que supón o seu “descarte absoluto”. Respecto ao proxecto Nouvel, apuntou que o documento o “cambia cualitativamente, porque racionaliza os usos portuarios”. Neste sentido asegurou que despois das explicacións ofrecidas polo presidente da Autoridade Portuaria, “no actual proxecto hai diferenzas substanciais respecto ao primeiro” proxecto presentado.
Tamén se referiu aos inminentes cambios que se van producir no Porto. Santi Domínguez dixo que “lamento a marcha deste presidente da Autoridade Portuaria”, porque ao seu xuízo “é un home de consensos que ten unha característica fundamental na súa visión que é a racionalización dos usos portuarios”. Segundo afirmou o tenente de alcalde, dende que Xesús Paz é presidente desta institución, “sempre e en todas as xuntanzas que tiven con el predominou a cordialidade e a busca de puntos de encontro”.