SOTELO PRESENTA EN VIGO A ESCOLA DE ATLETISMO DA DEPUTACIÓN, QUE FOMENTARÁ A PRÁCTICA DO DEPORTE A NIVEL PROVINCIAL FORMANDO A MILES DE RAPACES
O Delegado Provincial de Deportes, José Enrique Sotelo, presentou esta mañá na sede da Deputación en Vigo a Escola de Atletismo da Deputación, que dará formación a milleiros de rapaces da provincia, tanto a nivel de atletas, como de adestradores ou xuíces.
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O Delegado Provincial de Deportes, José Enrique Sotelo, presentou esta mañá na sede da Deputación en Vigo a Escola de Atletismo da Deputación, que dará formación a milleiros de rapaces da provincia, tanto a nivel de atletas, como de adestradores ou xuíces.
Sotelo, que estivo acompañado na presentación da Escola polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o vicepresidente, Celestino Cerviño, e o atleta olímpico vigués, Santi Pérez, explicou que esta iniciativa da Deputación “xurde da necesidade de ampliar a oferta atlética para as categorías inferiores, como parte do proceso de divulgación e promoción do atletismo”.
Neste senso, Hornillos aclarou que “tamén é importante formar ó colectivo non só de deportistas, senón tamén de técnicos e xuíces”. A este fin, “os adestradores traballarán cos atletas nas etapas de formación, en estreita colaboración coa Escola Galega de Adestradores”.
Asemade, a Escola Provincial de Atletismo abordará temas de actualidade que profundan na problemática do atletismo de base a través de conferencias e distintas publicacións, dirixidas a diversos colectivos: adestradores, xuíces, directivos, docentes, familiares e técnicos en xeral.
A Escola inclúe, do mesmo xeito, a competición, xunto cos obradoiros prácticos e de adestramento, como unha ferramenta educativa e formativa. Neste camiño, desenvolveranse catro xornadas clasificatorias e unha final provincial. As fases previas desenvolveranse en Pontevedra, Vigo, Cangas e Vilagarcía, estando dirixidas ás categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.
Levaranse a cabo tamén catro xornadas en pavillóns cubertos, ademais das actividades en pista, que consistirán en 3 previas e unha final provincial, que terá lugar no polideportivo da Cidade Infantil Príncipe Felipe.