Os nacionalistas recordan que Salvador G. Solla nunca convocou esta comisión que foi aprobada pola Corporación en setembro do 2007 a proposta do BNG
O BNG de Ponteareas demanda a constitución da comisión de seguimento da A-57 para tratar sobre os proxectos contratados
PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .- BNG de Ponteareas, a traverso do seu Portavoz Municipal Bolívar González, solicita do alcalde Salvador G. Solla, a constitución da Comisión de Seguimento da autovía A-57, que afecta ás parroquias ponteareáns de Padróns, Ribadetea e Xinzo.
Os nacionalistas consideran urxente a celebración desta reunión, despois de que o Ministerio de Fomento adxudicase os proxectos dos tramos da A-57 de Confurco a Pazos de Borbén. Bolívar González recorda que a comisión de seguimento foi aprobada en setembro de 2007, a proposta do BNG, polo Pleno da Corporación. A pesar de que no acordo figuraba o mandato de celebrar a sua primeira reunión no prazo dun mes, o Alcalde leva 18 meses incumprido este acordo.
Segundo Bolívar González “se queremos evitar os problemas que xurdiron no seu día coa construcción da A-52, moitos deles aínda sen resolver a día de hoxe, agora é cando hai que actuar con responsabilidade e facendo un seguimento do proxecto, contando cos veciños directamente afectados”.
Forman parte da Comisión de seguimento da A-57, o Alcalde, os Grupos Municipais, os colectivos sociais das parroquias de Padróns, Ribadetea e Xinzo, directamente afectadas polas obras da autovía; Asociacións de Veciños, Comunidades de Montes, Traídas de Auga, regadíos ou sociedades de caza ademáis da Asociación de Empresarios, Asociación de empresas do Polígono de A Lomba, Asociación de Comerciantes e Adenco.