TOURIÑO CONFÍA EN QUE O NOMEAMENTO DE JOSÉ BLANCO COMO MINISTRO DE FOMENTO SERÁ “A MELLOR GARANTÍA” PARA MATERIALIZAR O COMPROMISO DO GOBERNO DE ESPAÑA CON GALICIA DE REMATAR A LICITACIÓN DO AVE ESTE ANO
O presidente da Xunta en funcións reitera a súa petición de que se contraten os nove treitos pendentes antes de que termine 2009
“Estamos ante un Goberno que estou seguro vai responder ante España e ante Galicia”, asegurou sobre a remodelación do Goberno de España anunciada onte por Zapatero
Confirma a apertura dun expediente para aclarar a posible incompatibilidade na que incurriu o deputado do Partido Popular e ex director xeral de Obras Públicas, Agustín Hernández, tras á súa saída da Xunta no ano 2005
“Desde o punto de vista ético, político e previsiblemente desde o punto de vista xurídico, pendente da resolución dese expediente, por todos os datos que temos, non me cabe dúbida de que estamos diante dunha conduta de incumprimento da lei”, asegurou
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, amosou hoxe a súa confianza en que o novo ministro de Fomento, o galego José Blanco, será “a mellor garantía” do cumprimento do Goberno do Estado con Galicia en materia de infraestruturas e, especialmente, nos prazos para a chegada da alta velocidade ferroviaria. “Espero que cumpra coa Comunidade e co compromiso do presidente do Goberno de España de contratar este mesmo ano 2009 os nove tramos pendentes, os que quedan, entre Ourense-Lubián e Lubián-Zamora”, afirmou o presidente galego en funcións.
“É unha decisión moi importante que Galicia espera, que estaba comprometida, e para a que non teño ningunha dubida de que a mellor garantía será o novo ministro de Fomento”, remarcou. Touriño lembrou que a Comunidade tamén tiña comprometido, para o primeiro trimestre deste ano, a sinatura do convenio entre Fomento e a Sociedade Estatal de Infraestruturas do Transporte Terrestre para “blindar os máis de 2.000 millóns de euros necesarios para esta actuación”.
“O mais importante é que se cumpra a palabra dada e se acaden os obxectivos temporais”, asegurou o máximo mandatario galego, quen destacou a “exhaustiva labor de seguimento” desenvolvida polo seu Goberno sobre as obras do AVE. “Creo que así o debería facer tamén o próximo Goberno, e creo que a primeira tarefa debe ser cumprir ese compromiso de licitación”, insistiu.
Touriño explicou que onte tivo a oportunidade de felicitar aos novos ministros do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e desexarlles sorte no desempeño das súas responsabilidades. “Puiden felicitar de maneira moi especial aos ministros e ministras galegas que adquiren unha gran responsabilidade en temas que teñen moita transcendencia para a Comunidade. Estou seguro da capacidade e do compromiso con Galicia de cada un deles”, asegurou. Pérez Touriño afirmou que se trata dun Executivo “forte” para facer fronte a grave situación de crise económica que estamos a vivir. “Estamos ante un Goberno que estou seguro que vai responder ante España e ante Galicia”, concluíu.
Incompatibilidades
A preguntas dos xornalistas, Pérez Touriño confirmou a apertura dun expediente por parte da Dirección Xeral de Función Pública para aclarar a presunta incompatibilidade na que puido incorrer o deputado do Partido Popular e ex director xeral de Obras Públicas Agustín Hernández á súa saída da Xunta no ano 2005, tras ser contratado por unha empresa á que adxudicou obras. O presidente da Xunta en funcións asegurou que a conduta deste dirixente popular é claramente reprobable e asegurou que se trata dunha infracción grave da Lei de incompatibilidades, unha infracción que pode supoñer, segundo o texto da norma, unha inhabilitación de 3 anos para desempeñar calquera cargo público.
“Desde o punto de vista ético, político e previsiblemente desde o punto de vista xurídico, pendente da resolución dese expediente, por todos os datos que temos, non me cabe dúbida de que estamos diante dunha conduta de incumprimento da lei por parte dunha persoa que neste momento é deputado”, asegurou Pérez Touriño. “E cando o candidato á Presidencia da Xunta avala e mesmo lle parece positiva esta conduta, non me queda máis remedio que dicir que se trata dunha conduta reprobable e dunha infracción grave da lei. Non é de recibo esta confusión manifesta entre o público e privado nin por parte do señor deputado, ex director xeral de Obras Públicas, nin por parte dun candidato a presidir o País”, remarcou o presidente da Xunta en funcións.
Así, Pérez Touriño explicou que a Lei de incompatibilidades aprobada en 1996 establece, no seu artigo 3.5, que os altos cargos da Administración autonómica non poderán desempeñar, nos dous anos seguintes ao seu cesamento, ningún tipo de actividade privada relacionada coas materias que estaban baixo a súa responsabilidade cando ocupaban o cargo. O presidente da Xunta en funcións remarcou que esta lei tipifica as infraccións entre moi graves, graves e leves e puntualizou que o decreto que aprobou nesta lexislatura o seu Goberno non modificou a lei, senón que incorporou a obrigatoriedade de que os altos cargos, cando cesen no seu exercicio, dirixan un escrito ao Rexistro de Actividades dando conta da actividade que van desenvolver.
“Hai que recordar que o feito material é que o 29 de xullo de 2005, o que sería equivalente a próxima semana no actual proceso de traspaso de podres, o anterior Consello da Xunta reuniuse e adxudicou obras, obras propostas polo director xeral de Obras Públicas e das que se beneficiaron empresas entre as que estaba a que contratou a Agustín Hernández escaso tempo despois infrinxindo gravemente a lei”, concluíu.