VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organismo autónomo dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, organizará un acto artístico-literario e unha xeira cultural para conmemorar o Día das Letras Galegas 2009, que a Real Academia Galega lle dedica ao filósofo, escritor e ensaísta Ramón Piñeiro López. Estas actividades terán lugar os días 15 e 17 de maio, respectivamente, segundo se recolle no Diario Oficial de Galicia na súa edición do venres.
O acto artístico-literario consistirá nun recital de poemas musicados pertencentes a Ramón Piñeiro López, ao tempo que procederase á inauguración da V Mostra Colectiva das Artes e Letras dos Empregados da Administración autonómica galega. Neste acto, que se celebrará na sala de exposicións da EGAP a partir das 19.00 horas, Daniel Baamonde recitará poemas de Piñeiro acompañado do pianista Raúl Cacharrón. Poderán participar nel tanto o persoal das administracións públicas como calquera outra persoa interesada.
A xeira cultural, pola súa banda, contará con Felipe Senén López Gómez, historiador e museólogo, como guía e fará un percorrido polos escenarios en que se desenvolveu boa parte da vida do homenaxeado. O itinerario desta viaxe inclúe unha visita ao ninfeo romano de Santa Eulalia de Bóveda, Torres de Narla, Portomarín, Val de Neira, Páramo, Bercelos e Lugo, entre outros. A saída será ás 8.00 horas no Obelisco da Coruña e ás 9.00 horas na sede da EGAP en Santiago de Compostela.
A esta viaxe terá acceso o persoal ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia, ata cubrir as 40 prazas ofertadas (no caso de presentarse máis solicitudes, terá preferencia o persoal da Xunta). Os formularios para inscribirse pódense atopar no DOG, e terán como data límite de entrega o vindeiro 14 de maio ás 10.00 horas.