Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, logrou o acordo unánime de todos os grupos parlamentares do Senado para que “o Goberno regule un modelo de sociedades de tasación de pisos que cumpran os principios básicos de independencia e obxectividade, e recollan os principios constitucionais referentes á protección aos consumidores”.
A Comisión de Economía do Senado debatía dúas mocións de Pérez Bouza con medidas para alixeirar os problemas que sofren os cidadáns cando se ven na situación penosa de que as súas vivendas son embargadas por non poder asumir as hipotecas.
O senador do BNG explicou que na actualidade existe unha grande confluencia entres as sociedades de tasación e as entidades bancarias, de feito, “moitas desas sociedades de tasación están participadas por bancos nunha porcentaxe moi alta”. Todo o mundo sabe, puntualizou, que “tasan os bens inmóbeis cando os cidadáns acuden a un banco para solicitar un préstamo por unha vivenda”.
Indefensión dos cidadáns ante os abusos das tasadoras
Aludiu a estudos nos que se pón de manifesto que as tasadoras tenden a xerar un valor de tasación superior ao valor real do inmóbel. O problema, subliñou o senador nacionalista, multiplícase en situacións de crise económica. Desgraciadamente, “nos casos de desahucio e embargo de vivenda, as valoracións destas tasadoras redúcense até un 40%, cando os órgaos públicos só indican un descenso do prezo da vivenda dunha media do 10%”.
Polo tanto, afirmou, “as familias non só quedan sen vivenda senón que por riba teñen que pagar o resto do crédito. É unha situación de indefensión dos cidadáns recoñecida pola mesma Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que incide na necesidade de garantir a independencia e a profesionalidade das sociedades de tasación.
Familias que son embargadas e por riba teñen que pagar as diferenzas de tasación
Ademáis, criticou que a pesar da aprobación da Lei de Regulación do Mercado Hipotecario, a 41/2007, “nada se fixo e todo sigue igual”.
Pérez Bouza tamén explicou os termos da segunda das súas mocións. Describiu a dramática situación de moitas familias que se ven obrigadas a entregar as súas vivendas aos bancos pero “non todo remata aí, a débeda non fica cancelada”.
Aludiu á necesidade de equiparar a situación coa de paises como EE.UU: “alí cando unha familia entrega a vivenda ao banco por embargo, a súa hipoteca queda automaticamente cancelada. En cambio, no Estado español pídeselles o pago da parte do crédito que non cubre a valoración da vivenda. É dicer, se o piso perdeu valor dadas as tasacións feitas, os cidadáns deben respostar co seu patrimonio até completar o importe íntegro da hipoteca”.