16 julio 2009

La Xunta "sponsoriza" a la Banda Artística de Merza en su periplo por el extranjero

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA). A consellería de Cultura e Turismo e a Asociación Cultural Banda Artística de Merza asinaron hoxe un convenio de colaboración para a difusión de imaxes promocionais da cultura galega durante as actuacións da Banda Artística de Merza na XXVI Edición do World Music Contest que se celebrará na cidade holandesa de Kerkrade. En virtude do acordo de colaboración, subscrito esta mañá polo conselleiro Roberto Varela e o presidente da Asociación Cultural Banda Artística de Merza, Manuel Otero Rodríguez, a Consellería de Cultura e Turismo investirá un importe total de 55.000 euros en apoio a este proxecto de promoción da creatividade artística galega no exterior.

Como resultado deste convenio de colaboración, elaborarase un CD que recollerá as actuacións da Banda Artística de Merza como fondo musical das imaxes promocionais da cultura galega exhibidas durante o certame. Tras o acto de sinatura, ao que asistiron ademais o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela, o director da banda, José Rodríguez, e o presidente de honor da banda, Manuel Iglesias, o conselleiro Roberto Varela asegurou que a participación neste ”acontecemento de primeira suporá un importante intercambio de coñecementos e o fornecemento da promoción exterior da nosa cultura”.

A Asociación Cultural Banda Artística de Merza ven desenvolvendo unha labor de continuidade no campo da promoción e difusión da cultura galega en xeral, e da música en especial, participando coas súas actuacións a nivel nacional e internacional. Neste sentido, o presidente da Asociación Cultural Banda Artística de Merza, Manuel Otero Rodríguez, destacou o “prestixio” que supón para a agrupación competir “como a primeira banda que representa a Galicia no festival”.

XXVI Edición
O concurso internacional de bandas World Music Contest celebrase cada catro anos e, segundo o conselleiro, converteuse no vehículo de promoción “máis relevante a nivel europeo e internacional” da música civil militar e de orquestra. Nesta XXVI edición, o evento será o punto de encontro entre bandas de distintos países dos cinco continentes, “o mellor escaparate polo prestixio acadado na súa traxectoria para a difusión da imaxe turística de Galicia ás portas do Xacobeo 2010”.