Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería do Medio Rural quere expresar a súa satisfacción polo principio de acordo ao que na xornada de onte [mércores 15] teñen chegado representantes da distribución, produción, e comercialización do sector leiteiro, así como das principais centrais sindicais. A este respecto, Medio Rural sempre defendeu que a posible solución á crise debería chegar, e só podería chegar, da man destes representantes.
O departamento que dirixe Samuel Juárez lembra asemade que no mercado libre europeo (que impide unha intervención directa sobre o mesmo por parte das administracións) a única vía posible para garantir unha política estable de prezos son os pactos de mínimos entre todos os propios axentes implicados. Nesta tese se traballou dende o primeiro dos días –hai menos de cen- en que Juárez e o seu equipo se puxeron á fronte da Consellería.
Igualmente, e malia que a Consellería foi branco -e meta física- de moitas das mobilizacións do sector, defendeuse dende o primeiro momento que a responsabilidade da solución, por mor do reparto de competencias, pasaba por unha maior implicación na mesma das administracións central e europea, como de feito ten acontecido. Co paso das semanas, as teses de Medio Rural confírmanse na realidade.
Fomentar contratos homologados
O ‘Pacto do leite’ abre unha nova etapa na que se posibilitará unha vertebración do sector. A Consellería velará porque se siga na liña de colaboración estreita entre os distintos estamentos da cadea láctea, e porque se cumpran os puntos que se plasmen no acordo definitivo -inicialmente previsto para o vindeiro luns-. Así, fomentará de xeito decidido a sinatura de contratos homologados nos termos que se tiren do Pacto. Da mesma maneira, Medio Rural anuncia que dará total prioridade nas súas políticas e liñas de apoio, axuda e subvencións, a aquelas empresas que se adhiran ao mesmo, e que se esmeren en cumprilo.
Desde o departamento que dirixe Samuel Juárez lémbrase o compromiso, adquirido polo seu titular en sede parlamentaria, da presentación dun Plan Estratéxico do Leite no decurso dos primeiros cen días de Goberno. Compromiso que se reitera, e ao que engade un valor especial o Pacto que nas últimas horas se daba a coñecer.
Nese Plan inclúense medidas para a diversificación da produción láctea, coa fin de fomentar o valor engadido nesa produción e rebaixar a dependencia do leite UHT. Igualmente contempla, entre outros aspectos, o fomento do consumo de produtos lácteos autóctonos, coa sinalización clara e obxectiva do leite e derivados producidos en Galicia mediante unha marca –non comercial- identificadora, que facilite ao consumidor esa información.