07 septiembre 2009

Canto de F-009 a los
próximos presupuestos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- “Temos que facer un orzamento responsable para un país responsable. Os orzamentos responsables son o primeiro paso dunha futura recuperación económica”. Así o aseverou hoxe o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, nunha entrevista concedida a RNE, na que avanzou que o orzamento da Xunta para o vindeiro ano é un “presuposto difícil” por canto ten que facer fronte ao problema da crise, “compartida co resto de comunidades autónomas”; ao problema do “buraco orzamentario do ano 2009” deixado polo bipartito; e ao problema “que se fixo público co financiamento das comunidades autónomas, de devolver ao Estado as cantidades indebidamente gastadas do ano 2008 e 2009, case 2.000 millóns de euros”.

“Polo tanto temos moitos problemas para facer este orzamento e, como é natural é necesario contrastar as posibles solucións coas organizacións sindicais e empresariais”, engadiu o mandatario galego ao respecto afirmando que os orzamentos da Xunta terán moi en conta os datos que lle transmitiu a Vicepresidencia Económica do Goberno de que as contías que vai recibir a comunidade sufrirán un recorte do 18%.

Alternativas nos cen primeiros días de Goberno
Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo salientou os proxectos e iniciativas postas en marcha polo Goberno galego nestes primeiros meses de lexislatura. “Non fixen outra cousa que presentar alternativas. Durante estes 120 días presentamos plans que son alternativas, propostas e estratexias non só para o próximo ano 10, senón para toda a lexislatura, para o ano 15 e para o ano 20”, subliñou. Nesta liña destacou O Plan de Choque e o Plan de Austeridade; os 100 millóns de euros de investimentos en infraestruturas xudiciais; a presentación o pasado xoves e por primeira vez, dun Plan de mobilidade, o Plan MOVE, dotado con máis de 4.000 millóns de euros ata o ano 2015; a presentación dun Plan de saneamento das rías; unha nova política eólica; ou o feito de que se logrou pactar co Estado “as infraestruturas ata o ano 2015”. “Creo que se se fai un balance dos 100 primeiros días ou dos 120 primeiros días de Goberno eu sométome a calquera comparación que se faga con outros 120 primeiros días de calquera Goberno, incluíndo o Plan de austeridade e incluído o Plan de Choque fronte á crise económica”, aseverou ao respecto.

Respecto á política eólica que vai seguir o Executivo autonómico, Feijóo remarcou que existe unha decisión xa tomada polo Goberno galego: “deixar sen efecto unha adxudicación, na nosa opinión, con vicios de legalidade profundos”. “Imos levar ao Parlamento a desestimación da adxudicación por entender, en principio das garantías xurídicas, que por lei temos máis garantías que por un simple acordo do Consello da Xunta”, explicou. Remarcou que a Xunta fixo nesta materia “o que legalmente nun Estado de dereito se pode facer: deixar sen efecto esa adxudicación provisional, por vicios de legalidade; anunciar un canon solidario e un canon eólico para todos os parques instalados en Galicia, e que ese canon reverta nas facendas locais dos concellos que teñen ubicados eses parques eólicos; que ese canon teña un aspecto medioambiental, de xeito que as empresas paguen menos se invisten en tecnoloxía e en vez de poñer tantos muíños de vento poñan menos coa mesma capacidade de xeración enerxética; e, por suposto, abrir un período de alegacións que remata a próxima semana”. Posteriormente, este proxecto de lei será remitido ao Consello Económico e Social e será incluído neste período de sesións parlamentarias para que sexa discutido na Cámara.

Gratuidade completa ou parcial dos libros de texto en propiedade
Preguntado polo sistema de gratuidade nos libros de texto, o titular da Xunta explicou que o Goberno autonómico garante que o 70 por cen dos alumnos terán “ou gratuidade completa dos libros de texto en propiedade ou unha gratuidade parcial dos libros de texto en propiedade”. “Solventamos, polo tanto –asegurou-, algo que nos parecía fundamental; un problema pedagóxico que é que os rapaces non tivesen nunca ningún libro de texto en propiedade e que os rapaces non puidesen utilizar eses libros de texto porque tiñan que deixalos no colexio ao finalizar o período escolar”. “E tamén solventamos outra cuestión”, engadiu, explicando que en época de crise “hai que tomar decisións” e a Xunta decidiu que “aqueles pais aos que a súa renda lle permita investir 180 euros na educación dos seus fillos o sigan a facer e aqueles aos que, lamentablemente a súa situación económica non llo permita, que sexa a Xunta de Galicia a que garanta esa prestación gratuíta de libros en propiedade para que poidan traballar os seus fillos na escola”. “Cando o paro en Galicia está no 12%, e en España no 18,5%, os gobernos responsables teñen que decidir e nós decidimos que as rendas que poden fagan un esforzo para comprarlle os libros aos seus fillos e as rendas que non poden que sexa a Xunta de Galicia a que garanta a propiedade completa e a gratuidade deses libros”, argumentou.

A este respecto sinalou que lle sorprende “moitísimo” que “desde os partidos que están dicindo que hai que subirlles os impostos a determinadas rendas estean a favor de que esas rendas ás que lle queren subir os impostos non paguen os libros dos seus fillos”. “É cando menos sorprendente que se diga unha cousa en política impositiva e outra cousa en política educativa”, aseverou salientando que “nós tentamos manter unha mínima coherencia que é que os pais que poden lles agradecemos ese esforzo para que sexan solidarios cos pais que non poden”.

Na mesma liña aseverou que o Goberno galego o único que tenta en materia de educación é “volver a escenarios de liberdade e a escenarios de non ideoloxización” e rexeitou as críticas polo cambio de símbolos nas escolas infantís.

Proposta de reforma constitucional do Estatuto
Preguntado pola reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia, Alberto Núñez Feijóo asegurou que, neste momento, “calquera dirixente político sensato” esperaría a coñecer a sentenza sobre o Estatuto de Cataluña posto que, dixo, “é clave para o deseño do mapa autonómico no Estado español”. O que non significa, aclarou, “que os partidos políticos e as forzas políticas teñan feitos os deberes e unha vez coñecida esa sentenza poidamos avanzar rapidísimamente nas propostas definitivas da reforma estatutaria”.

“Desde logo –avanzou-, o Goberno da Xunta de Galicia o que si ten traballado é a posible reforma constitucional do Estatuto de Autonomía de Galicia para que, unha vez coñecida a sentenza do Tribunal Constitucional, poidamos en semanas presentar unha proposta da reforma constitucional do Estatuto de Autonomía do noso país”. “Nós non temos ningún inconveniente, ao contrario, de facer unha reforma do Estatuto e así o plantexamos e coa obriga de incluso presentalo desde o goberno e adicionalmente, pedir e esperar que por cuestións políticas, por cuestións de oposición que está gobernando xunta nos gobernos municipais non se pare a posible reforma constitucional do Estatuto. Iso creo que sería bo”, concluíu.