05 septiembre 2009

Conselleiro viaja a Venecia
para apoyar a Luis Tosar

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistiu hoxe a estrea internacional do filme de produción galega Celda 211 na LXVI Mostra de Cine de Venecia. O conselleiro, que se desprazou ata a cidade italiana para apoiar a promoción da película galega neste prestixioso certame, puido comprobar in situ a entusiasta ovación co que foi acollida ao remate da proxección.

Tras a presentación do filme, Roberto Varela incidiu en que a Consellería de Cultura e Turismo “apostou por esta longametraxe con orgullo dende o primeiro intre”. Segundo o conselleiro, a película “compensada tanto dende o punto de vista comercial como o artístico” posúe “enormes posibilidades nos vindeiros certames de cine internacionais”. O éxito acadado por Celda 211 “debe ser exemplo para que o resto de industrias galegas se involucren en traballos deste nivel”.

Nesta liña de apoio ao audiovisual galego, Roberto Varela asegurou que a Xunta de Galicia “estará alí onde as producións galegas o demanden”. “O noso compromiso é impulsar os proxectos de calidade que difundan o bo facer e talento das empresas galegas e que axuden a internacionalizar a nosa industria cultural en xeral e a cinematográfica en particular”, manifestou.

Nesta xornada, o conselleiro de Cultura e Turismo compartiu a estrea internacional do flime xunto ao equipo de Celda 211. Entre eles, o actor galego Luis Tosar, o director Daniel Monzón, e outros protagonistas como Alberto Ammann, Antonio Resines, Carlos Bardem ou Marta Etura. Despois da proxección da película, Roberto Varela felicitou especialmente aos sete actores galegos que participaron na rodaxe e gabou de novo o excelente traballo de Luís Tosar, ao que xa recibira en San Caetano antes da viaxe da delegación galega á Venecia.

O apoio institucional a Celda 211 completouse coa presenza do director xeral do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais de España, Ignasi Guardans e co coordinador xeral de Promoción Cinematográfica, Rafael Cabrero.

Proxección internacional
A estrea na Mostra de Venecia é a primeira cita da xira promocional de Celda 211 en certames internacionais. A produción, que contou coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo a través dunha subvención da AGADIC, tivo hoxe unha acollida inmellorable. Á grande ovación por parte dos espectadores que encheron a sala súmanse as magníficas críticas da prensa italiana especializada que a define como “unha das películas do ano”.

Cun orzamento de 4 millóns de euros, Vacafilms convértese na primeira produtora galega en levar un filme ao prestixioso Festival de Cine de Venecia. Do mesmo xeito, Celda 211 participará tamén no Festival de Toronto, do 10 ao 19 se setembro, sendo a mostra canadense unha cita fundamental para a penetración no mercado norteamericano no que conforma o mellor escaparate para o cine feito en Europa.