03 septiembre 2009

El Bloque le aprieta las clavijas al Conselleiro de Cultura

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A portavoz do BNG na Comisión de Cultura do Parlamento Galego, Ana Pontón, cualificou de “improvisada e irresponsábel” a decisión do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, de destituir a directora do Centro Dramático Galego (CDG), Cristina Domínguez. Segundo Ana Pontón, a decisión do Goberno do PP “pon en perigo e paraliza a programación prevista polo Centro Dramático Galego”.

A portavoz do BNG lembrou que “foi o propio conselleiro de Cultura o primeiro que lle pediu a Cristina Domínguez que continuase no CDG mentres non atopaban outra persoa para substituíla e que seguiese adianta coa programación”.

Por iso, Ana Pontón considera que a decisión agora de destituíla “revela a falta de autoridade e credibilidade do conselleiro de Cultura quen, polas presións do PP, tívose que desdecirse dos compromisos que tiña adquirido” coa directora do CDG.

Falta de respeto ao teatro galego

Ademais, a parlamentaria nacionalista considera a decisión do conselleiro de Cultura “unha falta de respeto institucional ao teatro galego”. A este respeito, lembra que “o conselleiro demandoulle á directora do CDG que iniciara a preparación da programación para a vindeira tempada”.

“En base a iso, tíñanse levado a cabo compromisos coas persoas que ían representar e dirixir a obra de Roberto Vidal Bolaño, As Actas Escuras, unha programación que agora fica en perigo, e con importantes perxuízos para os profesionais que ían traballar na obra”, denuncia a deputada do BNG.

Censura do PP contra a obra de Roberto Vidal Bolaño que ía repreentar o CDG

Neste sentido, Ana Pontón advirte da “intención do Goberno do PP de censurar a representación por parte do CDG da obra de Roberto Vidal Bolaño, tal e como xa fixera o Goberno de Fraga”.

Incapacidade do conselleiro para completar o organigrama da Consellaría

Por outra parte, a portavoz do BNG na Comisión de Cultura asegura que o anuncio da Consellaría de que a nova dirección do CDG será elexida mediante un concurso “non é máis que un intento de esconder a incapacidade do conselleiro para completar o organigramada Consellaría de Cultura”. “Se fose esa a intención inicial do conselleiro -advirte- non agardaría xusto a este momento para poñer en marcha os cambios e relevos no CDG”.

Ana Pontón lamenta que “o sectarismo do PP leve ao CDG a esta situación e que se intente sementar o desprestixio dunha persoa como Cristina Domínguez, cun longo percorrido no teatro galego e que tivo unha xestión moi positiva á fronte do CDG”.

Engade que esta actuación da Consellaría de Cultura “circunscríbese nunha estratexia do Goberno do PP de desprezo da propia cultura galega, na que non acreditan, porque do contrario este tipo de actuacións non se darían”.

Por último, a deputada do BNG contrasta a “improvisación e irresponsabilidade” do Goberno do PP “coa actuación do BNG na lexislatura anterior, cando dende a Consellaría de Cultura facilitouse o relevo, pero sen poñer en perigo a continuidade e o traballo do Centro Dramático Galego”.