07 septiembre 2009

El Bloque quiere que se acaben las esperas para el DNI y el pasaporte

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar para demandar ao Goberno máis medios materiais e humanos para rematar coas longas esperas para tramitar o DNI ou o pasaporte na Galiza.

Jorquera pón de manifesto que a tramitación dos DNI electrónicos na Galiza suscita moitas queixas debido aos longos prazos de espera para obter unha cita. A maioría dos cidadáns solicitan cita previa na web www.citapreviadni.es ou através do telefono 902. “Porén, outros optan por facer cola fronte ás oficinas moitas horas antes de que abran a fin de conseguer acelerar a expedición dos documentos”.

O deputado do BNG explica que no caso de se personar nas oficinas “só poderán tramitar os documentos dependendo do número de cidadáns con cita previa que non acudan ese día ás citas programadas. Así que, mais que un servizo á cidadanía parece unha auténtica carreira de obstáculos cunha meta indefinida”.

As esperas para citas previas superan o mes e incluso chegan ao ano próximo

Francisco Jorquera salienta que en provincias como a coruñesa con cinco oficinas: a de Ferrol, A Coruña, A Coruña-As Lonzas, Ribeira e Santiago, a espera media supera o mes, e nalgúns casos as citas son para xaneiro de 2010.
Outro tanto sucede na provincia de Pontevedra, con 4 oficinas e onde a espera para unha cita se sitúa máis alá do mes e tamén chega a xaneiro e febreiro de 2010.

“Os prazos son moi dilatados o que provoca situacións problemáticas para as persoas que deben realizar unha viaxe ou facer tramitacións burocráticas nas que se require a documentación en regla”, asevera Jorquera.

Mellorar o funcionamento do 902

Outro dos problemas que o deputado do BNG pón sobre a mesa son as deficiencias do número 902. Moitas persoas maiores peden a cita por telefono e se atopan cun contestador automático onde non poden resolver as súas dúbidas, “sería desexábel unha comunicación humana que permitise solventar os interrogantes”.

Estas son as razóns polas que Jorquera pede ao Goberno que mellore o funcionamento das oficinas existentes na Galiza, que as reforce con máis medios a fin de ofrecer un servizo óptimo á cidadanía.