08 septiembre 2009

El Concello de Vigo se
gasta más en "Cooperación"

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este martes que “é a primeira vez que o Concello de Vigo incrementa o seu orzamento destinado a cooperación máis alá da subida do IPC” ao pasar de 64.000 a 100.000 euros. A edil do BNG así o subliñou no transcurso do acto celebrado con motivo do Día Internacional do Cooperante, no que participaron representantes de distintas ONGs e do Fondo Galego de Cooperación, e no que ademais de dar lectura á declaración institucional aprobada no pleno de onte, se mantivo unha conversa coa cooperante viguesa Ana Maro, que desenvolve o seu traballo en Guatemala.

“Dende Benestar Social pensamos que é urxente e necesario apostar pola cooperación solidaria e transformadora”, afirmou María Méndez. Ademais, ao seu xuízo, esta aposta debe ir parella á sensibilización da sociedade “facendo críticas ao modelo neoliberal e as políticas que non posibilitan unha vida digna para toda a humanidade”. Neste sentido, indicou que a Xunta de Goberno Local aprobou recentemente axudas á sensibilización por un importe de 30.000 euros.

Tras a lectura da declaración institucional aprobada na sesión plenaria de onte, na que se subliña que a loita contra a pobreza “é unha das condicións básicas para lograr un mundo máis xusto e pacífico”, estableceuse conversa telefónica con Ana Maro, cooperante viguesa que desenvolve o seu traballo na Axencia de Cooperación Internacional en Guatemala. Explicou que o seu cometido consiste na coordinación de proxectos de desenvolvemento e mellora de infraestruturas, calidade no ensino e da educación “sobre a base dunha planificación estratéxica”.

A cooperante viguesa salientou asemade as labores de fornecemento institucional que se están a levar a cabo mediante o traballo coas municipalidades, recoñeceu o avance que supuxo hai tres anos a aprobación do estatuto do cooperante e fixo un chamamento ao Concello de Vigo para ampliar o seu compromiso. Ao respecto, a concelleira de Benestar Social asegurou que se está a traballar neste sentido e lembrou que o ano pasado se recuperaron vivendas no departamento de Madrid, en Nicaragua, mentres que este ano destinarase o investimento para a mellora do saneamento nunha zona de Cabo Verde. Finalmente, expresou os seus parabéns á cooperante polo seu traballo e salientou que dende o seu departamento “queremos seguir dándolle pulo á cooperación”.