07 septiembre 2009

Feijóo promete no recortar el gasto social y los servicios

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA). “É tan firme a nosa decisión de prescindir dos gastos superfluos como a de garantir os servizos públicos e as prestacións sociais”. Así o aseverou hoxe o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen se reafirmou no posicionamento de que as políticas sociais constitúen “un dos eixos estratéxicos fundamentais da nosa acción de Goberno, un dos nosos compromisos básicos”. “Por esta razón –abondou-, a prioridade dos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano será brindar os servizos sociais e comprometemos todo o noso empeño para que estes non se vexan afectados polo déficit orzamentario que arrastramos nin pola crise económica”.

Núñez Feijóo pronunciou estas palabras no marco dun almorzo de traballo co CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade), o primeiro que un presidente da Xunta mantén con este colectivo, e no que tamén participou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Durante a xuntanza, o mandatario autonómico insistiu en que a Xunta priorizará o gasto social e pediulle aos membros do CERMI “axuda e lealdade” para consensuar as políticas sociais e determinar cales deben ser as cuestións prioritarias neste eido, conscientes, dixo, da actual situación de crise e recorte económico.
O titular da Xunta lembrou que, desde a súa chegada ao Goberno “dixemos que poñeriamos en marcha –e así o fixemos-, unha estrita política de austeridade”. Pero unha política de austeridade, matizou, “centrada nos gastos innecesarios e naquelas áreas que non foran prioritarias”. “Non é o caso da área social que, xunto ao emprego, son os dous piares básicos da nosa acción de Goberno”, subliñou.

Conxunto de actuacións transversais para as persoas con discapacidade
Na súa intervención, o mandatario galego destacou, ademais, que dentro deste obxectivo de Goberno as persoas con discapacidade serán obxecto “dun tratamento especial, porque queremos, na medida das nosas posibilidades -indicou-, facervos a vida máis fácil mediante a posta en marcha dun conxunto amplo de actuacións transversais co fin de promover a igualdade de oportunidades real e efectiva, que garanta a integración das persoas con discapacidade na nosa sociedade”.

Ao fío da autonomía persoal, Feijóo lembrou que, sendo a Lei de dependencia un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego, esta non centra exclusivamente “a nosa política social” porque, explicou, “as políticas sociais non están supeditadas unicamente ao desenvolvemento desta lei, posto que para garantir o benestar dos galegos hai que facer moitas máis cousas: construción de escolas infantís, centros de día, residencias, a aposta integral polas familias, etc”. “A Lei de dependencia –abondou-, non pode absorber todas as políticas sociais”.

I Plan integral para persoas con discapacidade e Plan de emprego
O presidente da Xunta avanzou, ademais, que o Executivo autonómico desenvolverá o I Plan integral para persoas con discapacidade como instrumento que recolla dun modo íntegro todas as políticas que teñen que ver con este colectivo, en coordinación coas distintas administracións e organismos implicados: servizos sociais, sanidade, educación ou vivenda. Así mesmo, tamén avanzou que se abordará a reforma e mellora da normativa vixente en Galicia en materia de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Outra das liñas do Goberno galego nesta materia será a posta en marcha do Plan de emprego para persoas con discapacidade, o primeiro desenvolvido pola Administración autonómica, que permitirá ampliar as oportunidades laborais deste colectivo. Esta iniciativa basearase na incentivación da contratación de persoas con discapacidade para a realización de obras e servizos de interese público nas entidades locais; da súa contratación indefinida e contratación a tempo parcial; e na creación, dentro do Servizo Público de Emprego de Galicia, de unidades de asesoramento e intermediación coa familia para facilitar a súa contratación.

“E tamén elaboraremos unha Lei de acceso das persoas con discapacidade ao emprego público”, engadiu o mandatario autonómico. Para iso, realizaranse adaptacións nos procesos selectivos en concordancia coa minusvalía e elevarase a porcentaxe de reserva de prazas ata o 7%.

Estas actuacións complementaranse co incremento, en a lo menos un 3%, dos proxectos de vivendas de protección oficial e vivendas sociais que conten con características construtivas suficientes para facilitar o acceso das persoas con discapacidade; o apoio da práctica deportiva neste colectivo; ou coa implementación dos medios e recursos precisos para a promoción da accesibilidade no ámbito da Administración autonómica, procurando a progresiva dispoñibilidade de intérpretes da lingua de signos e de guías-intérpretes de persoas cegas. Neste sentido, o presidente da Xunta tamén avogou por implementar os programas da televisión pública galega adaptados ao colectivo das persoas con discapacidade e reiterou o seu compromiso de recoñecer a lingua de signos nesta lexislatura.

O mandatario galego non quixo rematar a súa intervención sen felicitar a CERMI Galicia, que engloba arredor dun cento de entidades agrupadas en seis organizacións autonómicas (COGAMI, FADEMGA, FAXPG, ONCE, FEAFES Galicia e DOWN Galicia), pola traxectoria desenvolvida ao longo dos seus dez anos de vida a prol das persoas con discapacidade. Así mesmo, congratulouse da celebración de almorzos como o de hoxe, “tremendamente frutíferos e produtivos –dixo-, posto que nos axudan a facer entre todos unha diagnose axustada da situación actual e serven non só de foro de intercambio de experiencias e boas prácticas, senón tamén como un medio real para promover novas iniciativas e medidas”. Por iso, animou a CERMI Galicia á celebración periódica deste encontro en aras de mellorar a calidade da atención prestada a este colectivo e dixo que o Goberno galego non só terá en conta “as vosas ideas”, senón que tamén considera “imprescindible o voso apoio para lograr a plena cidadanía e a participación activa e completa das persoas con discapacidade”, concluíu.