03 septiembre 2009

Feijóo reitera su oposición al nuevo modelo de financiación

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeitou o novo sistema de financiamento autonómico que pretende aprobar o Goberno central por tratarse, ao seu entender, dun modelo que presenta “riscos de dubidosa constitucionalidade en relación aos principios de cohesión territorial e de solidariedade protexidos na Constitución e na Lei orgánica de financiamento das comunidades autónomas que está en vigor ata o momento”.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o mandatario autonómico insistiu en que Galicia non pode apoiar o novo modelo porque “prexudica aos seus intereses”. “Cando dixemos que tiñamos que devolver contías semellantes ás que o Goberno ofrecía para incrementar o financiamento, estabamos dicindo a verdade. Dixémolo en xullo, en Galicia, e díxoo a vicepresidenta, en agosto, en Madrid”, lembrou Feijóo.

Na mesma liña, insistiu en que o novo sistema “beneficia ás comunidades máis poboadas e con maior renda económica e prexudica ás comunidades menos poboadas e con menor renda”. “Tanto é así que se crea un fondo soamente para as comunidades de maior renda económica”, abondou o presidente galego remarcando que “crear un fondo para incrementar o financiamento das comunidades de maior produto interior bruto é xusto o contrario do que debe ser un sistema de financiamento que consiste en distribuír de forma equitativa os recursos entre todos”.

Con respecto a cal vai ser a posición da comunidade galega a este respecto, o presidente da Xunta sinalou que neste momento a Lei orgánica de financiamento das comunidades non está aprobada e que na Comisión bilateral non está asinado ningún acordo, polo que é difícil recorrer algo que aínda non existe. De todos os xeitos, insistiu en que o que “si que advertimos é que hai riscos de dubidosa constitucionalidade en relación aos principios de cohesión territorial e de solidariedade protexidos na Constitución e na Lei orgánica de financiamento das comunidades que está en vigor ata o momento” e en que hai que esperar a ver como transcorre a negociación, ver como se aproba a LOFCA e en qué termos e “posteriormente poderemos formar unha opinión”, concluíu.