03 septiembre 2009

La Xunta quiere mayores penas para los casos de violencia de género

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou hoxe que o seu Goberno, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, afondará nas próximas semanas na análise da eficacia para promover unha reforma penal que endureza as condenas por violencia de xénero.

“Temos que avaliar a verdadeira eficacia dunha posible reforma penal e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, está estudando estas posibilidades dentro dos estudos que as asociacións de mulleres están plantexando: reducindo a aplicación de beneficios penitenciarios ou exixindo o cumprimento íntegro das penas”, explicou ao termo da reunión do Consello da Xunta.

“Cando teñamos a información concreta, a través do Servizo Galego de Igualdade, daremos o parecer do Goberno, que non soamente ten que lamentar, senón promover, e o Goberno ten que plantexar as súas propostas, con independencia de que teñamos competencias ou non as teñamos”, afirmou, para engadir que “o Código Penal é unha competencia exclusiva do Estado, son as Cortes Xerais a quen lle corresponde pero nós pensamos que o cumprimento íntegro das penas e a exención de beneficios penitenciarios son dúas cuestións que se debe de debater, que se debe de reflexionar e que debemos, como Galicia, de opinar e formar opinión”, concluíu.

Un fenómeno que ten ser erradicado pola sociedade e as administracións públicas
Na súa comparecencia ante os medios, o titular da Xunta informou de que o Goberno galego aprobou hoxe unhas bolsas para o estudo e a investigación da violencia de xénero que contribúan a erradicar esta “lacra social” e este “fenómeno desprezable”, que estamos a padecer, “e que ten que ser erradicado pola sociedade co impulso das administracións públicas”, dixo.

Lembrou que o perfil medio do agresor é un varón entre 30 e 45 anos e que a condena media dos agresores por violencia de xénero está en 17 anos e catro meses de cárcere, cunha responsabilidade civil que supón unha media de 150.000 euros por caso.

O presidente puxo de manifesto o traballo de moitas asociacións de mulleres que nos últimos anos están reflexionando sobre o endurecemento das penas que actualmente están en vigor: reducindo a aplicación dos beneficios penitenciarios ou a través do cumprimento íntegro das penas. “Creo que estas dúas vías son dúas vías que teñen que estar vivas, que teñen que estar dentro do debate que a sociedade debe de plantexar”, considerou.

Actuando sen alarmismos
No tocante ás medidas para facer fronte á Gripe A, o presidente subliñou que a Xunta prosegue actuando “sen alarmismos pero con traballo previo”. Referiuse, neste sentido, ao protocolo de actuación que hoxe presentaron ao Consello as consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a de Sanidade para garantir o nivel de prestación de servizos básicos ante os posibles problemas derivados da Gripe A. Un plan de actuación, dixo, “elaborado de forma coordinada para os sectores estratéxicos da nosa economía responsables de manter a subministración de enerxías, transporte, industrias médicas ou alimentarias”.

En definitiva, resumiu Feijóo, os servizos de emerxencia da Xunta de Galicia teñen que ter un protocolo de actuación para asesorar a todas as empresas que teñen como obxecto social sectores clave da nosa economía. É, destacou, “o primeiro plan deste tipo que se fai en España” relativo ás empresas que están xestionando sectores estratéxicos.

Axudas á mobilidade laboral
Referiuse, tamén, á nova liñas de axudas aprobadas hoxe polo Consello para facilitar o aceso á formación de parados sen prestación e sen subsidios e que recolle a concesión de subvencións para facilitar a súa mobilidade xeográfica. Serán preto de 750.000 euros destinados, basicamente, a subvencións para axudar a aquelas persoas que atopan un traballo lonxe do seu lugar permanente de domicilio nos gastos de desprazamento, de transporte e mobiliario, de aloxamento ou de gardería e atención a persoas dependentes. En palabras de Fejóo: “Isto é o que pretendemos subvencionar para que se poida dicir que si a unha oferta de emprego no suposto de que esa oferta conleve un esforzo de mobilidade xeográfica”.