07 septiembre 2009

Loas de F-009 a la RAG

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- “A Real Academia Galega é depositaria da memoria e achégalle ao presente algo que ten especial importancia nesta fase do autogoberno galego: a visión de Galicia como un país que compite unido para superar os problemas e celebrar os logros”. Son as palabras do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que esta mañá presidiu en Celanova a entrega do XXV Premio Celanova, Casa dos Poetas, organizado pola Fundación Manuel Curros Enríquez, e que este ano recaeu na Real Academia Galega. No acto tamén participaron, entre outros, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Na súa intervención, o presidente autonómico lembrou que a Real Academia foi, durante moito tempo, “o anticipo da Galicia que queriamos: plural e amigable; punto de encontro de galegos espiritualmente libres, que soñaban cunha autonomía que servira para que as mulleres e os homes se realizasen á súa maneira, lonxe de dogmatismos e sen máis modelo que eles mesmos”.

Hoxe “os galegos somos o que queremos ser e somos gobernados como decidimos selo. Somos plenamente libres”, agregou Feijóo sinalando, non obstante, que sería un erro “pensar que a democracia galega non precisa doutros puntos de referencia, fóra de gobernos e parlamentos”, como a Real Academia Galega, dixo, “tan xustamente galardoada aquí, na Celanova que é o gran Parnaso da nosa terra”.

O tesouro da lingua, de todos

Núñez Feijoo destacou, ademais, o labor levado a cabo polos persoeiros galegos dedicados á cultura. De feito, situou en Galicia o “faro espiritual que representan os homes e mulleres dedicados á nobre tarefa da creación, do pensamento e do aloumiño da nosa cultura”. Un faro, engadiu, “que debe estar sempre aceso e que ha seguir alumeando os camiños da recuperación de todo o que nos fai ser como somos”. “Ese faro naceu en tempos pouco gratos como unha illa de liberdade; esa liberdade que fai que tesouros como a lingua sexan de todos e non sirvan a ningún rudo encono”, subliñou.

“Na peregrinaxe que nos levou da Longa Noite de Pedra a este Longo Día de Luz, a Real Academia Galega e os poetas que hoxe nos acompañan coa súa lembranza, fixeron dos mil ríos do noso país, un gran río chamado Galicia”, abondou. “A eles débeselle o nacemento do galego é dicir –incidiu-, daquela muller ou home nado aquí ou acolá en Celanova ou nos Peares, pero capaz de sentirse vinculado a un país común, que merecía ser proclamado tamén en común”.

“Dese mundo que, en palabras de Celso-Emilio se chamaba Celanova, cómpre pasar a outro que tamén se chame Celanova e abranga ademais a Galicia enteira”, remarcou o presidente da Xunta lembrando que “temos democracia, liberdade, lingua para expresarnos; cultura para facernos sentir no mundo; institucións e academias levadas por homes con criterio; e temos poetas”. “Podemos, meus amigos, camiñar xuntos”, concluíu.

O acto de entrega do XXV Premio Celanova, Casa dos Poetas completouse cun recoñecemento público ao historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel. Os galardoados e as autoridades participaron nunha recepción ofrecida na Casa do Concello e, posteriormente, asistiron á ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio Ferreiro con motivo do 30 aniversario do seu pasamento.