07 septiembre 2009

Obras hidráulicas en A Coruña, Ourense e Pontevedra

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudica un total de 5 actuacións hidráulicas nas provincias galegas da Coruña, Ourense e Pontevedra, por un importe que ascende a case un millón de euros.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o anuncio de licitación destas accións en materia hidráulica, que ten finalidade mellorar as redes de saneamento e de abastecemento dos concellos de Noia, Sanxenxo, Boqueixón, Tui e Ourense. As obras que afectarán a estes concellos levaranse a cabo durante un período comprendido entre os 3 meses e os seis, en función do tipo de actuación que se realice.

Edar de Noia
Das cinco actuacións unha é Plan de saneamento. Remodelación de equipos electromecánicos e obra civil da EDAR de Noia. Este proxecto contempla as actuacións necesarias para mellorar o rendemento da estación depuradora de Noia que trata os vertidos dunha poboación de 20.000 h-eq. As obras foron adxudicadas á empresa Geseco, por un importe de máis de 175.000 euros e teñen un prazo de execución de 3 meses.

Actuación en Sanxenxo
A Consellería de Medio Ambiente financia con case máis de 190.000 euros as obras que se realizarán nas redes de abastecemento de auga e saneamento nos lugares de Portonovo, Vilalonga, Adina, Sanxenxo, Padriñán, Dorrón e Noalla, no Concello de Sanxenxo. A actuación atópase enmarcada dentro do Plan Hidrolóxico de Galicia, na programación de infraestruturas hidráulicas de abastecemento e saneamento en pequenos núcleos de poboación para o período 2008-2014. O obxectivo das obras é complementar ás redes de saneamento e abastecemento deste concello pontevedrés. As obras que se prolongarán ata os primeiros meses de 2010 serán realizadas pola empresa Marco, Obras e Proyectos de Arosa S.L.

Saneamento de Lubián
A terceira das actuacións trátase das obras de saneamento en Lubián– Camporrapado (Oural), no Concello de Boqueixón. As obras pretenden continuar coa implantación da rede de saneamento municipal nos seguintes núcleos: no saneamento en Lubián – Camporrapado (Oural), onde se executarán 270 m de colector de PVC que ademais precisarán dun pozo de bombeo, dada a orografía; no saneamento en Noente (Ledesma), onde se proxectan un total de 1455 m de colectores de PVC. Novamente, a causa da orografía será necesario un bombeo para a conexión coa rede actual. Para proceder ao saneamento en Miranda e Castro (Oural – Ledesma, instalaranse 790 m de colector de PVC que se conectarán á rede existente.

Estas obras implican un orzamento de 199.639 de euros, foron adxudicada á empresa Construcciones Sangiao e teñen un prazo de execución de 6 meses.

Obras en Tui
Neste concello pontevedrés levaranse a cabo as conexións da rede de saneamento xeral. A obra pretende solucionar o problema do vertido e a canalización das augas residuais das distintas parroquias e da propia cidade, aos distintos colectores pertencentes ao saneamento xeral da conca do río Louro. Tamén se proxectan as obras de conexión dos ramais de saneamento existentes no concello de Tui, mediante un total de 48 conexións en PVC. Estas obras, que foron adxudicadas á empresa Belypa Construcciones, contan cun orzamento de 200.885 de euros e un prazo de execución de 3 meses.

Rede sumidoiros da Regata– Mende
As obras pretenden eliminar os vertidos directos ao río Lonia na zona de A Regata,, no Concello de Ourense, mediante a execución dunha rede de colectores, unha estación de bombeo de augas residuais. Esta actuación débese a que o treito de saneamento precisa dun bombeo que eleve o caudal recollido ao colector existente na estrada de Mende en dirección a Lonia. Tamén se contempla a reposición do abastecemento.

O prazo de execución é de 4 meses, a empresa adxudicataria das obras foi Indeza Edificación y Obra Civil, e o presuposto ascende a case 200.000 de euros.