03 septiembre 2009

Presentan el Plan Move como el no va mas...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente de Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica de Galicia 2010-2015 (Plan MOVE), como un proxecto “ambicioso” que planifica e ordena por primeira vez “dun xeito global a mobilidade do conxunto de persoas e mercadorías en Galicia”. O titular do Executivo autonómico resaltou que este Plan prevé o investimento dun total de 4.192 millóns de euros ata 2015 nunha planificación global do territorio e unha mobilización de 70.000 postos de traballo no mesmo horizonte.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que deu luz verde ao PLan MOVE, Feijóo destacou que o proxecto inclúe un conxunto de actuacións como a creación de novas vías, conservación de estradas e aumento da seguridade viaria, de flexibilización das peaxes para os usuarios habituais das autoestradas de titularidade autonómica e de planificación de aparcadoiros disuasorios á entrada das cidades.

O máximo mandatario autonómico remarcou que o Plan MOVE ten como horizonte principal o ano 2015, “máis alá desta lexislatura”, se ben inclúe tamén un proxecto de actuacións a longo prazo, ata 2020, para ter “a mesma coordinación e a mesma planificación estratéxica que ten o Estado co Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transportes do Ministerio de Fomento”.

Reiterou que se trata dun proxecto “ambicioso”, que mobilizará 4.192 millóns de euros ata 2015 (e máis de 8.200 ata 2020) mobilizando 70.000 empregos “que van estar implicados na construción dunha Galicia global na que o 80% da poboación estea a menos de 10 minutos dunha vía de altas prestacións”.

“Con este plan hoxe damos un dobre cumprimento ao compromiso do programa electoral de presentar nos primeiros días da lexislatura o Plan de Mobilidade e ao compromiso de reactivar a economía e de xerar confianza no noso territorio” e ter así planificada “a Galicia global que esperamos que se vaia manexando nos próximos anos”, afirmou.

Solucións para unha rede viaria singular
Pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, detallou que o Plan MOVE analiza a nosa rede viaria “de forma global como un sistema único que permite abordar a mobilidade desde unha perspectiva territorial. Así, remarcou que este proxecto parte da especial singularidade da rede viaria galega, “onde existe un número de quilómetros de rede moito maior que na media estatal, tanto no que se refire á media sobre o territorio como a media sobre a poboación. Temos un 67% máis de estradas por cada 10.000 habitantes que no resto do estado español”.

Agustín Hernández explicou que o Plan establece unha nova clasificación da rede viaria galega atendendo a criterios de funcionalidade, e queda dividida entre vías de altas prestacións, vías estruturantes, vías complementarias e rede local.

Ademais, o conselleiro apuntou que, se ben o Plan MOVE se centra “nas estratexias de mobilidade ligadas ás competencias autonómicas”, no documento se establecen as actuacións na rede titularidade do Ministerio de Fomento que se considera que “é imprescindible incluír na modificación do PEIT que segundo as propias informacións do Ministerio se vai iniciar no ano 2010”.

Nese marco, Hernández concretou que o Plan MOVE inclúe como actuacións “imprescindibles para artellar a rede de titularidade do Estado en Galicia” a autovía Lavacolla-Guitiriz “como continuación natural da autovía A-8 ata a capital de Galicia”; a autovía Pontevedra-Cerdedo-Lalín-Lugo “como eixe transversal para vertebrar o noroeste da provincia de Pontevedra”; a autovía Chantada-Monforte, “que aínda que estaba no Plan Galicia, a día de hoxe non estaba incluída no PEIT”; e a autovía de circunvalación este de Ourense.

No tocante aos programas de actuacións na rede viaria autonómica, o titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sinalou que van orientadas a diferentes aspectos:
en primeiro lugar, a solventar as deficiencias da rede de estradas, “posto que aínda existe un número importante de quilómetros de rede de estrada autonómica que non reúne as condicións axeitadas, tanto no que é o seu trazado en planta como en alzado”. Ao tempo, incidiu na necesidade de completar os tramos de vías de altas prestacións e o mallado de vías suplementarias que permiten o acceso a esas vías de altas prestacións, e finalmente, sinalou que “é necesario eliminar moitas das travesías existentes nas nosas estradas, onde aínda existen 104 quilómetros de travesías nos 5434 quilómetros de rede autonómica e o que é máis importante, aínda hai case 300 quilómetros de travesías onde a intensidade de vehículos é moi importante e está moi por riba dos 8.000 vehículos por día”.

En relación coa rede de segundo nivel, o que pretende o Plan MOVE, informou o responsable de Infraestruturas, é “deixar totalmente regulada, totalmente arranxada a rede, cunha anchura axeitada e coas condicións de trazado suficientes e tamén coa suficiente seguridade viaria” Así mesmo, subliñou que nas zonas metropolitanas o Plan vén comprometer “as actuacións nas redes de titularidade autonómica que son imprescindibles para garantir a mobilidade das grandes cidades”.

Diferentes programas de actuación
Agustín Hernández explicou que o Plan MOVE ten diferentes programas de actuación, destinándose o primeiro deles e máis importante ás vías de altas prestacións, no que se investirá, entre 2010 e 2015 1.346 millóns de euros, que permitirán poñer en servizo 408 quilómetros de vías de altas prestacións. Acadarse así un total de 742 quilómetros de vías de altas prestacións, “o que representa multiplicar por dous, exactamente por 2,22, os actuais quilómetros de vías de altas prestacións existentes en Galicia”.

En relación co programa de vías estruturantes -“aquelas vías de novo trazado que melloran as existentes, que articulan o territorio”, apuntou-, o MOVE terá unha dotación de 459 millóns de euros e permitirá poñer en servizo, no horizonte de 2015 case 100 quilómetros de novas estradas. Hernández informou de que neste programa se inclúen os novos eixes, cunha dotación orzamentaria de 173 millóns de euros, as travesías con 75 millóns de euros e os acondicionamentos con 211 millóns de euros.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas subliñou que o programa de actuacións en vías complementarias, disporá dunha dotación orzamentaria de 588 millóns de euros e incluirá “a mellora das estradas de menor intensidade de tráfico cuns parámetros axeitados, incluíndo rectificacións puntuais do trazado, o que supón unha mellora notable sobre as actuacións que se viñan levando a cabo ata agora”. A este respecto referiuse a actuacións en eixes novos e variantes nas estradas de menor tráfico, cunha dotación de 83 millóns de euros, a melloras das travesías nestes tramos, “nos que se procurará non variar o trazado nin en planta nin en alzado para minimizar as afeccións”, cun investimento de 99 millóns de euros; 156 millóns de euros para acondicionamentos; e 177 millóns de euros para a mellora das estradas de baixa intensidade que incluirán rectificacións puntuais de trazado.
Mobilidade nas áreas metropolitanas
Consonte explicou o titular de Infraestruturas, o Plan MOVE prevé dous programas de actuacións de apoio en materia de infraestruturas de “singular importancia para mellorar a seguridade do transporte e mobilidade das áreas metropolitanas”. Trátase, explicou, da creación de aparcamentos disuasorios á entrada das cidades, cunha dotación de 37 millóns de euros que se planificarán coordinadamente co transporte metropolitano, e as áreas de parada para cumprimento das horas de parada obrigatoria dos transportistas.

Hernández puxo o acento sobre a especial importancia que o Plan MOVE concede ás áreas metropolitanas, lembrando que tres delas contan xa con plans viarios sectoriais aprobados, e indicando que nas outras catro a intención do Goberno galego é aprobalos “partindo do consenso con todas as administracións implicadas, tal e como no seu momento se fixo nos que están aprobados da Coruña, Ferrol, e Santiago”.

En relación co investimento na rede viaria de titularidade autonómica nas sete grandes cidades, Hernández detallou que o investimento total do plan será de 528 millóns de euros: 172 na Coruña, 40 en Santiago, 42 en Ferrol, 18 en Lugo, 34 en Ourense, 67 en Pontevedra e 155 en Vigo.

26% do orzamento destinado a conservación de estradas e seguridade viaria
Agustín Hernández salientou que o Plan de Mobilidade dedica un orzamento de 680 millóns de euros a conservación e mantemento de estradas, aos que hai que sumar 340 millóns de euros para actuacións específicas e concretas de seguridade viaria, isto é, dixo,”aumentos de ancho da plataforma, melloras de firme, mellora de drenaxe, sinalización, balizamento, barreiras de motoristas etc”. Ademais, Hernández indicou que hai que engadir 103 millóns de euros para o desenvolvemento de sendas peonís ao longo dos itinerarios existentes. En total, indicou que o Plan destina o 26% do seu orzamento á seguridade viaria.

“As actuacións de seguridade viaria terán unha especial transcendencia nesta planificación que hoxe se presenta. No horizonte de 2013 temos como obxectivo reducir a sinistralidade nas estradas de titularidade autonómica nun 50% no que se refire ao número de falecidos” subliñou Hernández.

O conselleiro referiuse tamén a un paquete de actuacións para “actuacións de natureza transversal” dedicadas á mellora das condicións ambientais das estradas, optimizar o uso de materiais reciclados, o emprego de subprodutos, a reciclaxe e os impactos ambientais, etc.

Flexibilización das peaxes para usuarios habituais
Como un dos principais eixes do Plan MOVE, Agustín Hernández subliñou o programa de “optimización das peaxes nas autoestradas autonómicas”. “Trátase de garantir que a peaxe non sexa unha barreira da mobilidade dos galegos”, sinalou, e anunciou a creación dunha orzamentaria que subvenciona as peaxes ligadas á mobilidade obrigada.

O conselleiro definiu a mobilidade obrigada como a referida “aos desprazamentos do domicilio ao traballo e viceversa, así como aquela mobilidade ligada ao desprazamento como consecuencia dunha necesidade dun servizo básico”. Nese sentido, avanzou que o Plan MOVE prevé unha dotación entre o ano 2010 e 2015 de 22 millóns de euros para un sistema de bonificación ligado ao uso do telepeaxe que permitirá un desconto do 25% na viaxe de volta cando a ida e a volta se realice no mesmo día. Así mesmo, detallou que se aplicarán “descontos progresivos aos usuarios habituais de xeito que se poida chegar a redución do 50% do custo da peaxe naqueles usuarios que utilicen a autopista dúas ou máis veces o día en itinerario de ida e volta”.

Agustín Hernández subliñou que, co investimento total de 4.192 millóns de euros previsto polo Plan MOVE, Galicia pasará “dun investimento en estradas do 0,9% do PIB de Galicia en 2009 a un investimento do 1,13 do PIB de Galicia no ano 2015”.

En definitiva, resaltou que se trata dun “plan de mobilidade no que o obxectivo é mellorar as condicións de vida dos galegos, incrementar as condicións de mobilidade e facer máis accesibles as infraestruturas”.

Circunvalación Noia
O presidente da Xunta anunciou tamén na rolda de prensa desta mañá a aprobación do estudo informativo da Variante de Noia, un proxecto no que o Goberno galego leva traballando desde o inicio da lexislatura e que concluirá cunha mellora na conexión das principais vías da zona, permitindo circunvalar a cidade de Noia ao tempo que a une cos concellos de Muros, Serra de Outes, Lousame e Santiago de Compostela.

Segundo explicou Feijóo a construción da primeira ponte da Ría de Muros-Noia poderá estar rematada no ano 2011 e contará cun investimento de 30 millóns de euros menos que o proxecto anterior “debido principalmente a que a nova variante é más curta, precisa menos viadutos, menos túneles e menos enlaces complexos”.

Segundo explicou o mandatario galego, acordouse o levantamento desta ponte por ser o método “lóxico” de unir as marxes das rías ou ríos e, ademais, "optamos pola opción asumida, preferida e pactada e con menores alegacións dentro das posibles”. Isto é debido a que, segundo explicou o presidente galego, a obra conta co apoio maioritario da cidadanía da comarca (só se lle presentaron 110 alegacións fronte ás 2.342 alegacións do proxecto anterior), co respaldo das confrarías de pescadores e presenta un menor impacto ambiental que a opción anterior que ocupaba 800.000 metros cadrados fronte aos 100.000 que ocupará esta.

Coa execución deste proxecto, afirmou Núñez Feijóo, aspírase á construción de “unha Noia unida entre si, unha ría de Noia-Muros unida e unha parte do Barbanza unida con Compostela”. Tras o levantamento do viaduto a conexión do Barbanza, da Vía Noia-Muros, con Compostela quedará concluída.

O presidente da Xunta aproveitou tamén para anunciar que dentro do Plan de Mobilidade estará o desdobramento do corredor e da conversión da conexión Compostela-Noia en autovía. Con isto, Feijóo amosou a súa satisfacción afirmando que “estamos dando os pasos comprometidos no momento en que nos presentamos ás eleccións”.