07 septiembre 2009

Presidente de la FEGAMP pone el grito en el cielo por la anulación de obras hidráulicas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández, ven de manifestar o seu “rexeitamento das argumentacións” expostas pola consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia e considera “inxustificada e inxusta” a anulación de estas obras.
O máximo representante do municipalismo galego anunciou, que logo de consultar aos concellos afectados, considera que, de xeito recurrente Augas de Galicia incurríu en incumprimento da Lei de Procedemento Administrativo, ao non notificar debidamente esta decisión da Consellería. Engade Fernández que resulta tamén “altamente sospeitoso que esta decisión se tomara no mes de agosto”, o que causou malestar nos concellos afectados, agravado polo feito de non ter recibido comunicación por escrito da Consellería de Medio Ambiente das anulacións.
A Fegamp constatou, tamén que as argumentacións expresadas por Medio Ambiente “distan de ser certas, segundo os propios alcaldes consultados”, apunta o seu presidente. Así, por exemplo, moitas das deficiencias nos proxectos detectadas e expostas pola consellería como causa de anulación non son certas e noutros casos os propios técnicos informaron aos alcaldes que serían subsanables durante a tramitación.
Tampouco é certo que non existiran criteirios de urxencia xa que, alomenos “parece totalmente xustificada a urxencia nos casos que pretenden dotar de abastecemento a parroquias que están sen auga e outras con auga non apta por contaminación do solo”, tal e como lle trasladaron os alcaldes afectados ao presidente da Fegamp.
Lamenta o alcalde dos alcaldes de Galicia e parécelle “increíble” que, en vista do comunicado da Xunta, “sexa a institución autonómica a que, para xustificarse, faga unha lectura partidista”, en alusión ao párrafo no que indica que 27 das 47 actuacións adxudicadas polo anterior Goberno corresponderon a concellos gobernados polo PSdeG-PSOE.
Parécelle “ruín” que “especialmente neste caso se teña feito esta alusión partidaria” cando o anuncio destas obras se realizou polo anterior titular de Medio Ambiente durante a constitución da Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade, e diante dun nutrido grupo de alcaldes e alcaldesas, represetantes de todo o arco político galego. Agora, apunta Fernández, “o que fora posto a disposición de todos, é rexeitado para uns poucos”.
Carlos Fernández espera unha rectificación por parte de Augas de Galicia e que o titular de Medio Ambiente, Agustín Hernández, reconsidere este método de aforro no seo do seu departamento, “porque anular estas obras, xa adxudicadas na maioría dos casos, non deixan sen servizos aos concellos, nin aos alcaldes, sexan da cor política que sexan, deixan sen atención aos cidadáns, cando a Administración xa a tiña comprometida”.
O presidente da Fegamp insiste en que son “os veciños os perxudicados últimos desta decisión e os alcaldes temos a obriga de defender os seus intereses”. A maioría dos afectados reclamarán ante Augas de Galicia e Medio Ambiente a execución destas obras e alguns rexedores resérvanse estudar accións legais.