05 septiembre 2009

Rosa Quintana sigue con su guerra abierta a los furtivos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde nunha operación contra o furtivismo desenvolvida polos axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia na ría de Pontevedra.

No operativo, formado por axentes de Pontevedra e Santiago; así como a embarcación da Xunta de Galicia “Irmáns García Nodal” e dúas lanchas de apoio, detectáronse 214 nasas caladas en zona prohibida e sen identificar. Tamén se localizaron 2 betas e 2 trasmallos ilegais e se incautaron de varios quilos de polbo e peixe variado que foi devolto ao mar. Os aparellos comisados foron izados a bordo das embarcacións para descargalos posteriormente no peirao de Leirós (Marín).

Ademais da conselleira, no operativo tamén participaron o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, e o subdirector do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto. Esta é a segunda vez a que a titular da Consellería do Mar participa “in situ” nunha operación de control do furtivismo, despois de facelo o pasado día 26 de agosto na ría de Arousa.

Camariñas
Á actuación desenvolvida hoxe en Pontevedra haille que engadir tamén a levada a cabo onte na ría de Camariñas; onde axentes de Gardacostas comisaron 205 nasas e incautaron 55 quilos de polbo e 6 de nécora que foron devoltos ao mar.

O Plan de Coordinación para a Loita contra o Furtivismo púxose en marcha o pasado mes de xuño para dar resposta ao aumento das prácticas de marisqueo ilegal constatadas polo propio sector nos últimos anos. Neste plan participan de forma conxunta e coordinada o servizo de Gardacostas de Galicia, unha unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e as propias confrarías e asociacións de mariscadores.