05 septiembre 2009

Turismo de la Xunta dice que menos mal la ocupación veraniega...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Secretaría Xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, e mais o presidente da Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia, Juan Silva, fixeron públicos hoxe os primeiros datos de ocupación hoteleira en Galicia durante o mes de agosto de 2009. A Secretaria Xeral para o Turismo aclarou, non obstante, que os datos son provisionais á espera de que remate o verán e que os resultados definitivos poderán coñecerse a finais de setembro ou primeiros de outubro. Así mesmo, aclarou que os datos de ocupación hoteleira son positivos xa que a comezos do verán as previsións apuntaban cara un descenso de entre o 15 e o 20%. Finalmente as estatísticas das que se dispón neste momento avanzan que a ocupación en Galicia se sitúa no 76,2% fronte ao 74,6% de agosto de 2008 segundo a enquisa do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia. Segundo os datos que manexa CEHOSGA, a ocupación hoteleira en agosto de 2009 rolda o 78% fronte ao 82% do mesmo período do ano pasado.

Doutra parte, os datos que manexa a Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia sobre a ocupación en acampamentos turísticos sitúanse no 78,1% de ocupación fronte ao 68% de agosto de 2008. Fronte a esta subida, os datos de turismo rural descenderon durante este mes de agosto xa que se rexistraron 125.000 pernoitas fronte ás 138.000 de 2008. A este respecto, Juan Silva destacou que malia que a previsión que se fixo pública en xuño era ‘moi mala’, a campaña de promoción nas televisións posta en marcha pola Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia conseguiu incrementar as cifras de ocupación considerablemente. “En xuño falábase dunha baixada de reservas do 15 ou 20% e os resultados están sendo máis satisfactorios do que agardábamos”, matizou.

Pola súa parte, Carmen Pardo explicou que é importante avaliar agora “en que medida influíu a campaña promocional a través da enquisa de verán na que se inclúen preguntas específicas sobre a mesma para tratar de averiguar se esta é unha boa ferramenta para seguir utilizándoa no futuro en contextos semellantes”. Así mesmo, Carmen Pardo falou da necesidade de dotar de oferta complementaria ás casas de turismo rural xa que existen experiencias na actualidade que lograron incrementar nun 50% as súas cifras de ocupación dende o mes de maio grazas á oferta de actividades complementarias e á paquetización do produto turismo rural de Galicia.

Así mesmo, a secretaria xeral para o Turismo destacou a importancia de homoxeneizar os sistemas de recollida de datos e de atopar un “modelo común” para traballar en sintonía e facer que os datos sexan unha “ferramenta tanto para a toma de decisións inmediatas para a Administración, como para o propio sector e para que os medios e a sociedade dispoñan de datos rigorosos”.

Carmen Pardo tamén puntualizou que ademais dos datos de ocupación e de pernoitas cómpre dispor dos datos relativos ao gasto medio e aos ingresos do sector que son “elementos moi importantes” á hora de valorar a situación.

Datos de xullo de 2009 do INE para Galicia
Galicia rexistrou en xullo de 2009 un total de 400.778 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros da comunidade, un 1% menos que no mesmo período de 2008. Esta lixeira caída é sen embargo inferior á media nacional, pois no conxunto do Estado a cifra de viaxeiros diminuíu un 4,8%.

En canto ao volume de pernoitas en establecementos hoteleiros, Galicia experimentou unha caída do 1% interanual en xullo de 2009, porcentaxe inferior á media estatal que se situou en torno ao 4,8%. Un 84% das pernoitas son de turismo nacional e o 16% restante corresponde aos estranxeiros. Se tomamos como referencia as pernoitas dos viaxeiros nacionais as cifras amosan un lixeiro pero significativo aumento intranual do 0,5%, rompendo desta maneira a tendencia rexistrada en meses anteriores. Tamén a ocupación media dos hoteis en xullo descendeu un punto a respecto dos datos de 2008 pero no conxunto de España a caída rexistrada foi de 4 puntos porcentuais. En xullo o turismo rural experimentou, sen embargo, un crecemeto a respecto das cifras de ocupación de xullo de 2008 do 14,57%.

Índice de prezos e gasto turístico en xullo
Segundo os datos do INE, os prezos hoteleiros caeron de media en Galicia un 1,1% no pasado mes de xullo. En termos interanuais, os prezos medios descenderon algo máis do 4% respecto a xullo do ano pasado. No tocante ao índice de ingresos, como consecuencia do anterior, os ingresos hoteleiros caeron tamén no pasado mes de xullo un 2,4% respecto a xullo de 2008. Segundo datos de EGATUR (Enquisa de Gasto Turístico), o gasto total dos turistas estranxeiros que viñeron a Galicia o pasado mes de xullo foi de 6.650.000 euros, o 6% menos que en xullo de 2008. Similar comportamento experimentaron as cifras do gasto medio por persoa que descendeu case un 3% e do gasto medio diario, que baixou un 3,4%.

Volume de peregrinos
O pasado mes de xullo rexistráronse un total de 26.194 peregrinos na Oficina do Peregrino, cifra que supón un incremento de case o 25% a respecto de xullo de 2008. No que vai de ano a cifra de peregrinos ascende a un total de 75.180, un 16% máis que no mesmo período de 2008. En agosto de 2008 viñeron a Santiago 60.697 peregrinos e en 2009 fixérono 63.827, isto é un 5,16% máis.
A enquisa de ocupación de albergues do Xacobeo amósanos que un total de 245.279 peregrinos pernoitaron ata o 31 de agosto nos albergues de todos os Camiños.