05 septiembre 2009

Vía libre para la reforma
de la Ley de Pesca de Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Pleno do Consello Galego de Pesca (CGP) aprobou esta mañá a proposta de ditame elaborada polo grupo de traballo designado para recabar as achegas do sector de cara á súa inclusión no Anteproxecto de Lei da Reforma da Lei de Pesca, o cal deu a coñecer a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o pasado 17 de xullo no acto de constitución do CGP.

Na súa proposta, o grupo de traballo considera positivo o feito de que no anteproxecto elaborado por Mar se contemple a inclusión da industria da transformación e comercialización coma unha figura importante dentro do complexo mar-industria de Galicia. Ademais, entenden correcta a modificación das medidas da actual lei no ámbito da protección e rexeneración, aínda que cren que no novo articulado se debería facer notar que en ningún caso se trata de promover áreas de exclusión ou Box para marxinar a flotas que tradicionalmente viñeran pescando de forma regular ou esporádica nas zonas reguladas.

Por outra banda, no ditame tamén se considera maioritariamente positivo o feito de que se deixe para o desenvolvemento en norma especial a figura das Confrarías de Pescadores, como se viña solicitado reiteradamente polo sector. Igualmente aplauden a eliminación da posibilidade de Censos por modalidades, así como a figura da Licencia de Pesca e a recuperación do Permiso de Explotación para a flota que faena en augas de competencia da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, o ditame considera fundamental que tanto o preámbulo coma o articulado da nova lei fagan unha referencia expresa á necesidade de consultar ao sector a través do propio Consello Galego de Pesca.

Entre as principais modificacións do articulado proposto polo grupo de traballo destacan a necesidade de contar cun plan de explotación para a recollida de argazos. O sector mexilloeiro propón unha reforma no apartado referido ao outorgamento das concesións mediante o cal se valore preferentemente ter sido anteriormente titular dunha concesión no mesmo subsector de actividade; ter exercido habitualmente a explotación dunha concesión semellante ou a experienza no desenvolvemento de actividades da acuicultura na zona por parte dos particulares e das empresas solicitantes.

O ditame debatido en pleno esta mañá foi aprobado polo totalidade dos asistentes a excepción do representante de UGT.