13 noviembre 2008

QUINTANA ASEGURA QUE, A DIFERENZA DO QUE PASOU FAI SEIS ANOS CO PRESTIGE, AGORA O GOBERNO SI QUE TRABALLA CONXUNTAMENTE COA XENTE DO MAR

CANGAS (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta participou en Cangas nun encontro con redeiras para facer balance do programa Arlinga de apoio ás redeiras galegas. Ao longo do último ano, máis de 400 redeiras de 14 asociacións teñen participado nos cursos de formación e máis de 230 percibiron a axuda de 500 euros para afrontar o custe da alta na Seguridade Social.
“Unha estampa dunha muller sentada nun peirao tecendo unha rede é Galiza”, dixo Quintana para reivindicar a figura e o oficio das redeiras
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, defendeu hoxe en Cangas, cando se cumpren seis anos da catástrofe do Prestige, o compromiso do Goberno galego para traballar man a man coa xente do mar para superar a actual crise económica. Lembrou que, a diferenza do que sucedeu no Prestige, cando se viviu unha catástrofe na que as administracións estaban alonxadas da xente do mar, que eles sós tiveron que resolver a situación e facerlle fronte ao chapapote, “pois agora, seis anos despois, estamos tamén nun momento difícil, nun momento de crise económica, pero nun momento diferente. Porque cando menos tedes o compromiso e a realidade de que este momento o vamos enfrontar conxuntamente, a xente do mar e a Administración”, explicou o vicepresidente. Quintana asegurou que estes momentos son difíciles para todos, “non hai variñas máxicas, pero traballando conxuntamente e estando xuntos como ata agora, imos afrontalo”.
O vicepresidente da Xunta fixo estas declaracións hoxe en Cangas nun encontro con redeiras, no marco das Xornadas “Proxecto Arlinga: Leccións aprendidas e retos de futuro”, organizadas pola Secretaría Xeral de Igualdade para analizar a marcha deste programa e os obxectivos de futuro. Quintana recordou que fai un ano mantivo xa un encontro coas redeiras, no que se comprometera a levar a cabo actuacións de apoio para dar entidade a un oficio importante coma este. “Recibimos entón queixas por un traballo non recoñecido, realizado en condicións precarias e con incertidume de futuro, todas queixas razoables e xustificadas, e daquela vos dei o meu compromiso de poñerlle remedio. E hoxe é unha satisfacción constatar que traballando conxuntamente se poden facer as cousas”, explicou o vicepresidente.
Quintana resaltou que ademais agora, nun momento de crise económica, é cando un oficio como o das redeiras, en vez de desaparecer ten que fortalecerse. “porque un país, se quere facerlle fronte a situacións difíciles, o primeiro que ten que facer é crer en si mesmo, e se hai un oficio en Galiza que nos represente, ese é o oficio das redeiras. Galiza está representada nas redeiras e mentres haxa este oficio haberá mar. Unha estampa dunha muller sentada nun peirao tecendo nunha rede é Galiza”.
Balance positivo
Neste encontro coas redeiras en Cangas, o vicepresidente Quintana destacou o balance positivo e os compromisos acadados no apoio ás redeiras, grazas ao Programa Arlinga, posto en marcha a través da Secretaría Xeral de Igualdade, cuxa secretaria xeral, Carme Adán, participou hoxe tamén neste acto en Cangas. Quintana asegurou que o balance ata agora do Programa Arlinga só pode ser cualificado de altamente positivo, xa que se teñen ben acadados os obxectivos previstos. Obxectivos enmarcados en tres puntos: axudas económicas de 500 euros para cubrir os custos da alta na Seguridade Social e para recibir formación, orientación e asesoramento para poder crear unha cooperativa de servizos e campaña María Soliña de sensibilización das redeiras para dar a coñecer a profesión a toda a sociedade.
Ao longo do último ano, máis de 400 redeiras de catorce asociacións teñen participado nos cursos de formación programados e máis de 230 teñen percibido a axuda de 500 euros. E Quintana salientou especialmente ademais a importancia que supón para o sector a creación dunha cooperativa, algo posible e realizado tamén xa grazas ao Programa Arlinga. As redeiras galegas contan agora coa cooperativa “Redeiras Galegas, Sociedade Cooperativa Galega”, que integra a 33 redeiras, 25 delas socias de pleno dereito e 8 colaboradoras. Unha entidade que lle facilitará ás redeiras negociar directamente, sen depender de intermediarios, uns prezos que lles permitan cubrir os seus custes e obter beneficios, como en calquera outra actividade económica.
Máis apoio no futuro
O vicepresidente da Xunta salientou hoxe en Cangas que o apoio ás redeiras galegas iniciado co Programa Arlinga non foi só unha colaboración puntual, senón que o Goberno galego vai continuar con este apoio no futuro. Para o 2009, a liña prioritaria de acción será a de potenciar a consolidación da nova cooperativa e para iso vaise asinar un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e a Federación O Peirao, cun importe de 50.000 euros, para o mantemento e a contratación dunha persoas que desempeñe labores de xestión e comerciais.
Ademais desta apoio específico á nova entidade, as redeiras tamén poderán presentarse en 2009 ás axudas do novo Programa EMEGA Mar, un programa de apoio ao emprendemento feminino no sector marítimo e pesqueiro. Esta iniciativa arranca en 2009 e conta cun orzamento de 100.000 euros. Así mesmo, as federacións e asociacións de redeiras poderán acollerse tamén ás axudas para o mantemento deste tipo de entidades formadas por mulleres, para as que en 2009 se achegan 190.000 euros.