17 octubre 2008

A COGAVE coordinará a campaña conxunta do Movemento Veciñal de Galicia para esixir o cumprimento da lei de incompatibilidades

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- Nos vindeiros días e coincidindo cos anuncios de folga dos médicos que traballan na sanidade pública e privada, as Federacións Veciñais de toda Galicia dirixirán escritos de queixa ante os departamentos de Traballo e Sanidade da Xunta de Galicia. As Federacións esixirán o cumprimento da lei de incompatibilidades sen excepción, por parte do sector de médicos que combinan o seu traballo na sanidade pública coa privada e que incluso teñen convocada unha folga para reclamar un plus de exclusividade que non lles corresponde ao compartir a súa adicación.
Deste xeito a COGAVE liderará as actuacións conxuntas do Movemento Veciñal de Galicia para cumprir coa resolución adoitada no pasado Congreso da COGAVE que tivo lugar no mes de abril en Vigo. Nesta “IX Asemblea, Congreso pola participación” o Movemento Veciñal de Galicia acordou poñer todos os medios para acadar o “Cumprimento da lei de incompatibilidades para a mellora da calidade asistencial da sanidade pública en Galicia”.
Tramitar escritos de queixa instando ás administracións competentes a actuar, será a primeira medida a adoptar, agardando que a administración responda e aplique a lei de incompatibilidades ao sector médico, aínda que de persistir na súa pasividade non se descarta emprender medidas e denuncias legais, en beneficio da calidade da saúde pública en Galicia.
Concertos hospitalarios
A COGAVE advirte que o incumprimento da lei de incompatibilidades vai máis aló e invalidaría incluso algúns concertos que o SERGAS ten suscritos con hospitais privados, xa que a Lei Xeral da Sanidade no seu capítulo II indica que “O sistema sanitario público non poderá suscribir concertos con centros privados nos que algúns dos seus traballadores traballen nun hospital público”.