17 octubre 2008

A FAVEC critica a falta de coherencia dos políticos en torno á área metropolitana

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- "A presidenta do Parlamento Galego rexeita agora a área metropolitana cando en 2005 manifestou o seu apoio á creación desta área coas enmendas parciais que precisamente recolle a proposta da Federación Veciñal de Vigo", explica Elena González, presidenta da FAVEC.
A Federación Veciñal “Eduardo Chao” quere expresar o seu profundo malestar ante as recentes declaracións da presidenta do Parlamento Galego en contra da creación da área metropolitana de Vigo. "Non comprendemos como unha persoa que estaba tan involucrada neste proxecto e que manifestou o seu total apoio a esta área, pode negarse agora á súa creación. No ano 2005 a agora presidenta do Parlamento Galego Dolores Villarino afirmou que os socialistas sempre apostaron polas área metropolitanas de Vigo e A Coruña e que estaban convencidos de que o futuro do territorio pivotaba sobre elas, de feito a entón diputada socialista presentou enmendas para a mellora do proxecto que finalmente quedou pendente do debate parlamentario ante a disolución da cámara e convocatoria das eleccións. A proposta que a FAVEC quere elevar ao parlamento con 15.000 firmas recolle as melloras presentadas pola señora Villarino e o señor Touriño, non obstante, anos despois e xa no poder, esta política viguesa semella ter olvidado aquel férreo compromiso coa área metropolitana de Vigo", referiu a FAVEC esta semana.
"É unha vergoña que esta entidade teña que saír continuamente ao paso de declaracións tendenciosas da clase política, como as recentes declaracións do Alcalde que criticaba que a área metropolitana non inclúe o Vigo-28; unhas afirmacións completamente falsas que só tentan introducir desconfianza e torpedear o desenvolvemento da cidade de Vigo e da súa área", sinalou finalmente Elena González.