07 octubre 2008

A FAVEC quere que o alcalde de Vigo non vaia por libre..."Unir esforzos para a creación da área metropolitana"

VIGO (MORRAZO-tribuna).- A proposta que os promotores da iniciativa popular queren elevar ante o Parlamento Galego xa recolle a área metropolitana composta por 28 Concellos que o Alcalde de Vigo defende. É o momento de sumar apoios e non de restar se queremos facer da área metropolitana unha realidade... di un breve manifesto feito público esta mañá pola Federación de Asociacións de Veciños de Vigo.
O grupo promotor convida ao Alcalde de Vigo a sumar o seu apoio á creación da área metropolitana de Vigo posto que esta xa defende o Vigo-28. "Estamos sorprendidos de que o rexidor afirme agora que a iniciativa popular pola área non recolle a súa proposta de Vigo-28 cando nos mesmos pregos de sinaturas co articulado da lei queda ben claro que a área metropolitana abrangue estes 28 Concellos" :
“2.- Este ámbito territorial inicial poderá ser modificado coa incorporación de todos aqueles Concellos que o soliciten e estean comprendidos entre os vinte e oito que forman a área sanitaria de Vigo ou outros que acrediten vinculación coa entidade metropolitana.”
E insisten desde a FAVEC : "Non sabemos se esta actitude é froito do desinterese ou do profundo descoñecemento da proposta de área metropolitana. Por todo instamos ao Alcalde a que si realmente quere traballar por esta cidade sume o seu apoio ao de todos os vigueses e viguesas, deixe de enganar e confundir á cidadanía e pule por un proxecto metropolitano que é o mesmo que todos apoiamos".