17 octubre 2008

O BNG REXISTRA A SÚA PROPOSTA PARA MODIFICAR A LEI ELEITORAL NA QUE DESTACA A REFORMA DO VOTO EMIGRANTE “CON CARÁCTER IMEDIATO”

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- O BNG rexistrou no Congreso o seu informe coas propostas para modificar a Lei Eleitoral Xeral que será debatido na Subcomisión creada a tal efecto, e na que sitúa en lugar destacado a modificación do procedemento de votacións dos residentes ausentes “con carácter imediato”.
Na primeira xunta da Subcomisión do Congreso para as posíbeis modificacións da LOREX celebrada o pasado 2 de outubro, acordouse que cada forza política presentaría nun prazo de quince días as súas propostas para comezar os traballos deste órgao.
O BNG plantexa as circunscripcións eleitorais de ámbito autonómico nas europeas e nas xerais
O prazo finalizaba onte, e no seu informe o BNG tamén pede que se aborden nunha segunda orde outras cuestións como o establecemento de circunscripcións eleitorais de ámbito autónomico nas eleicións europeas, e o establecemento de mecanismos electrónicos de votación para facilitar o exercicio do dereito ao vogo para os cidadáns que se atopan embarcados durante o periodo eleitoral.
A medio prazo, os nacionalistas galegos plantexan que se aborde a implantación de circunscripcións eleitorais de ámbito autonómico nas eleicións xerais para o Congreso dos Deputados. Así como a distribución proporcional de escanos por circunscripción tomando como base o censo eleitoral en lugar da poboación de dereito.
En seguintes puntos, o BNG pón enriba da mesa a modificación dos criterios para a conformación do Senado, a delimitación e alcance do dereito de sufraxio dos residentes ausentes coa posibilidade de establecer unha circunscripción eleitoral específica, e por último, a regulación do dereito de sufraxio dos inmigrantes nas eleicións municipais.