20 octubre 2008

“O COMPROMISO DO BNG DENDE A XUNTA
DE GALIZA CON PONTEAREAS”


PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .- O Deputado no Parlamento Galego, Francisco Paz Antón, o Subdirector Xeral de Gandeiría, Francisco Chivite e o Membro da Executiva Nacional do BNG, Roberto Mera presentaron en Ponteareas a exposición “Transformando Galiza”, unha mostra onde se repasan os principais medidas adoptadas polo BNG na Xunta de Galiza durante esta lexislatura.
“Dende a Xunta de Galiza o BNG demostrou con feitos o seu compromiso con Ponteareas”
Roberto Mera salientou o compromiso do BNG con Ponteareas dende a Xunta de Galiza ao longo destes 3 anos. Puxo como exemplo o impulso para dotar ao concello dun parque empresarial e o compromiso de incluir a Ponteares no plan sectorial de vivenda, que permitirá a construcción de vivenda protexida nos vindeiros anos; os investimentos da Consellaría de Innovacion e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio para mellorar o motor económico da localidade como é o pequeno comercio ou as actuacións levadas a cabo pola Consellaría de Medio Rural para mellorar as infraestructuras no rural, a planta de Biomasa en Xinzo, entre outras.
“A mellor garantía dunha transformación real do noso país é cun presidente do BNG á fronte da Xunta”
Pola súa parte, Francisco Chivite lembrou que “foi o BNG o que impulsou un auténtico cambio na Xunta de Galiza durante estes tres anos, adoptando medidas valentes que benefician ao conxunto da sociedade e mostrándonos firmes ante as decisións de Madrid que prexudican ao noso país ou ante os sectores que procuran o lucro máximo a costa de toda a sociedade”.
“Fíxose moito durante estes tres anos, pero precisamos incrementar o noso apoio para que estes cambios se consoliden, para recoller todos os seus froitos e para marcar novos obxectivos que melloren a calidade de vida dos galegos e galegas”, asegurou o deputado Francisco Paz Antón
A este respeito, Paz Antón subliñou que “a mellor garantía dunha transformación real do noso país é cun presidente do BNG á fronte da Xunta de Galiza” e animou aos veciños e veciñas a “participar e apoiar ao BNG para que estes cambios se consoliden en beneficio de toda a sociedade galega”