07 octubre 2008

O PP denuncia que Escudero non atende
ós veciños afectados




MOS (MORRAZO-tribuna) .- Membros do Partido Popular de Mos acudiron esta mañá ó barrio da Igrexa, na parroquia de Tameiga, alertados polas chamadas dos veciños do lugar informando das inundacións motivadas polas intensas chuvias matinais. Nidia Arévalo, voceira dos populares mosenses, achegouse a falar con algúns dos veciños afectados que aseguraron ter intentado porse en contacto coa alcaldesa, María Jesús Escudero, que non os atendeu por atoparse nunha reunión.
Os veciños do lugar da Igrexa, sito no barrio do mesmo nome, levan tempo queixándose de problemas de inundacións na estrada cada vez que chove. Así o informou o concelleiro do PP pola parroquia de Tameiga, José María Pereira Eiró, quen declarou que “estamos fartos de denunciar este tema, pero ninguén nos fai caso”. Pereira Eiró leva manifestando xa en varios plenos as súas reivindicacións neste senso, incluso espuxo este problema na reunión plenaria do pasado mes de Setembro sen obter resposta productiva algunha por parte do equipo de goberno local.
O concelleiro do PP explicou esta mañá que “fai catro anos que isto está así, as cunetas non se limpan de maleza e se colocan nelas postes eléctricos, farolas e tapas de alcantarilldo, co que, cando chove, a auga acaba desbordándose e invade a estrada; o mesmo ocorre coas tuberías e desauges que canalizan as augas pluviais na zona: están todos atascados dende a estrada provincial hasta Baralla, e ó longo de toda esa distancia baixa a auga polo medio da estrada, coma se esta fose o cauce dun río, chegando incluso a atravesar o atrio da Igrexa”.
Pola súa banda, Nidia Arévalo, insta á alcaldesa de Mos a que se faga cargo deste problema e que atenda ós veciños afectados, entre os que se atopan dúas rapazas discapacitadas, “ós que temos que apoiar nós xa que ela fai oídos sordos e non quere atendelos”, insiste a edil popular.