22 octubre 2008

QUINTANA DI QUE O ACORDO POLO QUE O BNG APOIA OS ORZAMENTOS DO ESTADO FAI QUE “OS GALEGOS E GALEGAS SAIAN MÁIS FORTALECIDOS E MÁIS PROTEXIDOS”


COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, afirmou esta mañá en declaracións aos medios após a aprobación dos orzamentos do Estado para 2009 que os galegos e galegas saen “máis fortalecidos e máis protexidos” en virtude do acordo asinado polo BNG e o PSOE para apoiar os orzamentos do estado 2009.
O líder nacionalista amosou, nun primeiro termo, a súa satisfacción polo “acontecemento” que supón a aprobación dos orzamentos xerais 2009 a través do acordo articulado entre o PSOE, o PNV e o BNG.
Quintana lembrou que o estado español é “plural, no político, no ideolóxico, o social e o territorial” e, xa que logo, cualificou de “bo e positivo” que a aprobación “dun documento tan importante como os presupostos xerais do Estado sexa tamén froito dun acordo plural entre forzas políticas diferentes que se poñen dacordo para corresponsabilizarse da marcha do Estado”.
O portavoz nacional amosou tamén a súa satisfacción por que “na conformación da vontade colectiva do Estado que se pon de manifesto nos orzamentos participe o BNG e, a través do BNG, Galiza”, xa que é “bo que Galiza estea na primeira liña de debate”.
En opinión de Quintana, vai “en conexión directa coa forma de ser dos galegos e galegas que sexamos protagonistas non para o desacordo ou para crear problemas, senón para o acordo e para a resolución de situacións comprometidas. Todo o mundo entende que é moito mellor”, continuou, “ter uns orzamentos cos que enfrentar unha situación difícil, aínda que eses orzamentos sexan mellorábeis e non que o goberno se vira abocado a prorrogar os orzamentos porque isto sumaría á crise económica unha crise política”.
Mellora do autogoberno
Tamén destacou o líder do BNG aspeitos positivos do acordo como o feito de que “a través deste acordo imos mellorar o noso autogoberno” e salientou a importancia de facelo en tempos de crise porque “significa dotarnos de máis instrumentos para xerar benestar” e apuntou ao feito de que se teña marcado un prazo para esta mellora do autogoberno: “antes do 15 de decembro terá que reunirse a Comisión Mixta de Transferencias para proceder aos traspasos pendentes”.
Deste xeito, o debate orzamentario que comezou hoxe e rematará en decembro produciráse no mesmo espazo temporal en que o acordo se ten que facer efectivo, tal e como lembrou Anxo Quintana.
Para o portavoz nacional, “Galiza sae máis forte como país a través deste acordo e tamén saen máis fortalecidos e máis protexidos os galegos e galegas e, especialmente, os que máis proteción precisan” e, neste sentido, quixo facer especial mención á política social e, nomeadamente, ao financiamento para a dependencia e salientou que o Estado “se comprometa a trasladar a Galiza o financiamento que lle corresponde para poder aplicar a Lei de Dependencia e que o acordo sirva asi para aumentar a inversión pública do Estado en Galiza”.
En virtude deste acordo, Quintana lembrou que “imos ter a maior inversión pública do Estado en Galiza de toda a historia e nun momento de crise iso é importante”, de igual xeito que salientou que se establezan mecanismos para “asegurar que o que se presuposta se inviste, como sucederá a través desa Comisión Bilateral de Seguimento que terá que formarse tamén antes do 15 de decembro”.
“Se queremos, podemos”
Asi, fronte ao discurso centrado nas obras, o portavoz nacional do BNG quixo lembrar que “para poder diseñar o seu futuro, un país ten que ser posuidor de algo que non se mide en asfalto, a obra da autoestima e os galegos demostrámonos hoxe que, se queremos, podemos” e reclamou a necesidade de desterrar esa imaxe dunha Galiza “pedichona” e, fronte a ela, reivindicou “un país que cre nas súas posibilidades, fala co estado de ti a ti e colabora responsábelmente na marcha do Estado”.
Esa imaxe, en opinión de Quintana, é a que se materializa neste acordo e a que fará hoxe que “milleiros de galegos e galegas estean hoxe satisfeitos de que Galiza dea esa imaxe en Madrid e actúe asi”.
Finalmente, o líder do BNG manifestou a súa satisfacción porque hoxe tamén se visibilice que “o exercicio da política consiste en cumprir o prometido e nós fixemos unha campaña nas eleccións xerais na que insistimos na necesidade de que Galiza tivera unha representación política propia en Madrid para contar na política do Estado e con este acordo estamos a cumprilo. Utilizamos a nosa representación para pór a Galiza no centro do debate e que esa capacidade decisiva redunde en beneficio dos galegos e galegas”.