23 octubre 2008

Teatro : este domingo representaranse “Carlota e Marieta dan a volta ao planeta” en Candeán e “Trastos vellos” en Bembrive

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- A obra “E me deixo enlear”, prevista para este sábado 25 de outubro no auditorio do Conservatorio de Música da Miñoca, representarase o día 15 de novembro, segundo informou este xoves o concelleiro de Cultura, Xesus López. Porén este aprazamento, o “Vigo a escena” continúa a súa programación e o domingo, 26 de outubro ás 18 horas, a UVCD de Candeán acollerá a obra “Carlota e Marieta dan a volta ao planeta”, da compañía A Loca-Motora e no SCAR “Helios” de Bembrive representarase “Trastos vellos”, da compañía Títeres en acción.
“Problemas de axenda dos integrantes da compañía Disque Danza obrigan ao aprazamento da representación ata mediados de novembro”, explicou o edil nacionalista, quen indicou que o día 15 de novembro terá lugar a representación da obra, un espectáculo de danza interpretado por Carmela Bueno, Olivia Maté, Leticia Alfaya e Lauren Atanes, coa coreografía de Olga Camesalle e vestiario de La Canalla.
O domingo, 26 de outubro ás 18 horas, a compañía A Loca-Motora representará a obra “Carlota e Marieta dan a volta ao planeta” no UVCD de Candeán, dirixida a un público familiar. Eva Vila e Zezilia Meléndrez dan vida a Carlota e Marieta, dúas rapazas curiosas por natureza que atopan unha misteriosa caixa que di “Quen atope esta caixa terá que dar a Volta ao Mundo en 80 días, nin un día máis...”. Seguindo as instrucións da caixa, comezan unha marabillosa aventura na que a imaxinación e a fantasía mestúranse co humor, a musicalidade e mesmo a participación do público.
Ademais, tamén o domingo, 26 de outubro ás 18 horas, a compañía Títeres en acción representará a obra “Trastos vellos” no SCAR “Helios” de Bembrive. Choliño, Maripili, Marti e Ficus son unha disparatada panda que terán que unir as súas forzas para evitar que os humanos limpen o vello e esquecido faiado no que conviven. Cun guión orixinal e con cancións propias, a historia está chea de gags intemporais na procura do sorriso do espectador; e tanto o escenario como a presenza do personaxe humano nunha obra de monicreques danlle moita forza visual ao espectáculo.