MADRID (MORRAZO-tribuna) .-O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, criticou este mediodía a “ausencia absoluta” no discurso de Zapatero de sectores produtivos básicos para a economía galega. “Non fixo ningunha referencia ao agro, cando o sector lácteo está a atravesar por momentos críticos, e tampouco aludiu ao sector naval nen ás infraestructuras” .
Jorquera reprochou a José Luis Rodríguez Zapatero que repasase o que denominou sectores de futuro, e tamén falase dos sectores tradicionais, sen mencionar en ningún momento o agro e o sector naval. Tamén subliñou outra “ausencia clamorosa: ningunha referencia ao impulso das infraestructuras”.
Esta era unha das afirmacións que realizaba o portavoz nacionalista despois de escoitar a intervención do Presidente do Goberno no marco do debate de Política Xeral.
Cómo se van financiar todas as medidas anunciadas?
Jorquera considerou que houbo elementos positivos na intervención de Zapatero pero tamén “moitas ausencias e moita indefinición”. Sinalou que “é positivo que recoñeza que hai que ir a un cambio do patrón de crecemento, tal e como o BNG vén demandando desde hai tempo, pero moitas das medidas enumeradas pecan de grande indefinición”.
Así, explicou que, ao mesmo tempo, o Presidente do Goberno “anuncia novas medidas, rebaixas fiscais e non quer comprometer o principio de estabilidade financieira. É fundamental saber como vai casar todo iso”. Jorquera reprochou ao Presidente que “non explicara como vai financiar as distintas medidas anunciadas, sobre todo tendo en conta que comprometen rebaixas fiscais, e que moitas desas medidas forman parte das competencias das CC.AA”.
Na cuestión relativa á fiscalidade, indicou que o BNG está a favor de rebaixar a carga fiscal nas rendas máis baixas pero ten que “haber un maior esforzo fiscal sobre os sectores máis pudientes”. Niso, puntualizou, Zapatero non entrou en ningún momento.
Zapatero “pasou de puntillas” no financiamento autonómico
Ademáis, aludiu á reforma do sistema de financiamento autonómico. “Temos que dicer que no relativo ao financiamento autonómico o Presidente pasou de puntillas. Non dixo se o Estado vai inxectar cartos e se vai esquecer o dogma de reservarse o 50% dos recursos”. O deputado do BNG subliñou que moitos dos servizos que se precisan reforzar para loitar contra a crise “están transferidos, e non esclareceu cantos cartos vai pór para a reformar do sistema de financiamento autonómico”.
En canto á disposición de Zapatero ao diálogo, sinalou que “é positiva pero se debe concretar en feitos”. Jorquera anunciou que mañá tratará de que o Presidente do Goberno dea resposta a todos estes interrogantes e se defina nas cuestións que ficaron indefinidas.