25 septiembre 2008

Luz verde provincial ao PXOM de Valga

VALGA / PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe un informe elaborado polos técnicos do servizo de Infraestruturas sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Valga en relación coas estradas provinciais.
Segundo recolle o documento “no plan preveuse unha franxa lateral a ambos lados dos viais, calificado como solo rústico de protección de infraestruturas. Esta franxa de solo rústico, dacordo cos planos do documento ten unha anchura total de 30 metros (excepto nas zonas calificadas como solo de núcleo rural)”.
Así mesmo indica que “a ordenanza reguladora do uso e defensa das estradas provinciais establece a existencia dunha liña de edificación situada a sete metros da arista exterior da explanación o que implica unha banda de 14 metros máis á anchura da vía provincial (que en ningunha das vías do concello de Valga é maior de 16 metros)”
As estradas provinciais que pasan polo municipio de Valga son concretamente: Valga-Martores; Valga-Baño; Cordeiro-Senín; Forno-Cernadas; Ferreiros-Vilar; e Baño-C-550.