06 octubre 2008

AVISA DUN FENÓMENO METEOROLÓXICO ADVERSO POR VENTO EN MAR E CHOIVAS QUE AFECTARÁ AO LITORAL GALEGO

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza avisa dun episodio meteorolóxico adverso por vento en mar de compoñente suroeste, que afectará ás augas costeiras das provincias da Coruña e Lugo a partir de esta noite e que poderá acadar a forza 8, especialmente durante a xornada do martes. Este aviso ampliarase no día de mañá ao litoral da provincia de Pontevedra, onde se agardan rachas de intensidade 5-6. Segundo as informacións recibidas do Centro Meteorolóxico Territorial da Axencia Estatal de Meteoroloxía, este fenómeno adverso comportará a activación do nivel de alerta laranxa no litoral da Coruña e de Lugo e amarela no caso de Pontevedra.
Por outra banda, espérase o paso dunha fronte de evolución rápida esta noite-madrugada, que será especialmente activa nas comarcas do Barbanza e do Salnés, así como nos puntos altos das provincias da Coruña e de Pontevedra, segundo informou MeteoGalicia. As precipitacións acumuladas poderán acadar, localmente, os 40 litros por metro cadrado en 12 horas.
A Dirección Xeral de Protección Civil, a través do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, alertou aos concellos costeiros das provincias afectadas, aos parques de bombeiros da Coruña e de Pontevedra, aos organismos das administracións estatais, locais e autonómicas, así como aos servizos provinciais de Protección Civil da Consellería de Presidencia, aos clubs náuticos e ás empresas que pola súa actividade poidan verse afectadas. Desta maneira, agárdase que se adopten as precaucións oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
A Dirección Xeral de Protección Civil tamén quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción como evitar aproximarse a diques ou rompentes, co fin de previr un eventual golpe de mar, e suspender calquera actividade acuática. Igualmente, aconséllase aos condutores adecuar a velocidade ao estado das estradas e prever posibles bolsas de auga e zonas asolagadas.
Ademais, recoméndase consultar a páxina web do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e enlaces de interese.