18 octubre 2008

Continúan os actos do Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres

VIGO/(MORRAZO-tribuna) .- Este domingo 18 ás 17 horas, as feministas novas do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, van dar o debate sobre as novas perspectivas do feminismo das máis xoves.
A palestra “Feministas novas : novas perspectivas no feminismo internacional” será exposta polas delegadas do Quebec (Anne Valerie Lemieux Breton), Portugal (Sandra Silvestre), Galiza (Zorahaida Casales) e unha representante do colectivo As Lerchas. Por Haití Samia Salomon, con unha representante do colectivo Refraca. Natalia Capellini do Brasil, por formar parte do Secretariado Internacional, vai facer a sua intervención en relación coa Marcha Mundial das Mulleres.
Esta palestra-exposición será un modo de explorar os proxectos ou campañas de cada territorio e servirá para logo abrir a reflexión sobre os logros do feminismo, a relación coas máis veteranas, as posibilidades de colaboración internacional, e a construción dunha axenda común de xoves feministas.

Para o luns 20 de outubro desenvolverase o obradoiro “Experiencias e desafíos do traballo das mulleres xoves”, na Residencia de Panxón. Este obradoiro terá a forma de xogo de rol no que as máis novas se porán no papel das veteranas e viceversa co fin de afondar na comprensión interxeracional. Deste modo se profundizará no coñecemento das realidades sociais dos diferentes continentes desde a perspectiva das xoves e das veteranas feministas, se fomentarán os intercambios interculturais e interxeracionais, se crearán redes de diálogo, e se promoverá o entendemento.