22 octubre 2008

DEPUTACIÓN INVESTIRÁ 237.800 EUROS NA COMPRA DE MATERIAL DE SINALIZACIÓN E SEGURIDADE PARA AS VÍAS PROVINCIAIS

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en xunta de Goberno o expediente de contratación, mediante concurso e por procedemento aberto, do subministro de material de sinalización e seguridade vial, por importe de 237.800 euros.
Deste xeito, a Deputación de Pontevedra prevé adquirir de sinais triangulares, cuadrangulares e circulares. Sinais de stop; paneis direccionais simples e dobres.
Á parte dos sinais verticais, a Deputación de Pontevedra subministrará a rede viaria provincial con outros elementos que redunden nunha maior seguridade nas estradas dependentes da institución provincial de Pontevedra como son pintura para a sinalización horizontal das carreteras; marcas viais; etc.
A DEPUTACIÓN ADXUDICA EN 198.500 EUROS A OBRA DE REHABILITACIÓN DOS PENDELLOS DE AGOLADA
A Xunta de Goberno da Deputación acordou hoxe adxudicarlle á empresa DICSA (Decoración, Instalacións e Construcións) a obra de posta en valor e rehabilitación dos Pendellos de Agolada e do seu contorno por importe de 198.500 euros.
Este proxecto contempla a rehabilitación de catro pendellos (tres pendellos comedor e outro máis que se destinará a aseos), situados na rúa Parranda. Estas edificacións atópanse actualmente en estado de abandono de xeito que as primeiras actuacións consistirán na recuperación dos elementos estruturais (carpintería, cantería...), manténdose a súa tipoloxía de vigas de madeira con pontóns e enlatado de castiñeiro.
Así mesmo, segundo recolle o proxecto de obra, a reconstrución da celosía de madeira das fachadas principais dotarase de vidro pola cara interior, ou contras de madeira e vidro, para acadar un mínimo de confort e iluminación natural. Compre destacar ademais que un dos pendellos comedor e o destinado a aseos estarán adaptados ó uso por parte de persoas con discapacidade.
Os arquitectos encargados da redacción dos plans de restauración e rehabilitación son Dulce María Trigo Cousillas e Juan Manuel Doce Porto. O proxecto realízase ó amparo dun convenio asinado entre a Deputación e a Xunta para rehabilitar, por 1,2 millóns de euros (financiados ó 50% entre a Deputación e Patrimonio, nas anualidades 2008-2010), os pendellos de Agolada.
As construcións do vello recinto feiral, de orixe medieval son únicas en Galicia e foron declaradas como Conxunto Histórico-Artístico en 1985. A institución provincial conta xa coa propiedade de 40 dos 73 existentes.
DOUS ALUMNOS DA USC REALIZARÁN PRÁCTICAS NO SERVIZO DE FONDOS COMUNITARIOS DA DEPUTACIÓN
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través do cal alumnos do máster oficial en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica poderán realizar prácticas formativas no servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios da institución provincial.
Realizarán prácticas un ou dos alumnos durante un período de 135 horas, computándose un crédito por cada 27 horas de prácticas realizadas.